A Deputación continúa esta fin de semana en Barro e en Poio os percorridos do programa provincial +Bosques
O Parque Natural do río Barosa e a illa de Tambo acollen novas actividades deste programa provincial que promove o contacto directo coa natureza a través da modalidade de baños de bosque
10/07/2026
A Deputación de Pontevedra continúa esta fin de semana os percorridos da nova edición do programa +Bosques, unha iniciativa que promove o contacto directo coa natureza e permitirá ás persoas participantes gozar das vantaxes dos baños de bosques. As actividades destes días celebraranse o sábado 11 no Parque Natural do río Barosa (Barro) e o domingo 12 na Illa de Tambo (Poio), e nelas participarán un total de 60 persoas tras esgotar todas as prazas das rutas de xullo en cuestión de minutos.
Este sábado o programa desenvolverase no Parque da Natureza do Río Barosa, en Barro, unha zona de especial beleza onde destaca o seu conxunto de 17 muíños de auga e onde os asistentes percorrerán a zona superior e a chaira anterior á popular fervenza. Pola súa banda, a illa de Tambo é un lugar idóneo para atopar elementos naturais de gran beleza coma os taffonis, as dunas ou a praia Area Grande. Ademais, os asistentes descubrirán o seu abundante patrimonio histórico, con elementos como o peirao, o faro, o lazareto ou o antigo albergue. Cada día haberá dúas quendas, unha ás 10:00 e outra ás 10:30 horas.
Nesta edición de +Bosques, o programa chegará a un total de sete espazos da costa e o interior da provincia que permitirán dar a coñecer a variedade de ecosistemas ricos en biodiversidade de Pontevedra. Todas as rutas proporcionarán ás persoas participantes unha experiencia de conexión directa en e coa natureza. Promoverase a estimulación sensorial con exercicios físicos e psicolóxicos para comprender, entender e fortalecer os lazos co medio natural da provincia. Os percorridos continuarán no mes de xullo o día 18 no río Maneses (O Campo Lameiro), o 19 nas fervenzas de Parafita e Raxoi (Valga) e o 25 en Carboeiro (Silleda) e o día 26 no Pazo de Lourizán (Pontevedra). O resto de datas (agosto a setembro) poden consultarse no sitio web institucional.