Luis López anuncia un novo programa Erasmus+ dotado de 900.000 euros para que 65 alumnos de FP realicen prácticas en empresas e institucións europeas
A Deputación recibe unha axuda de 680.000 € do SEPIE para a nova edición deste programa de mobilidade europea que busca mellorar a formación e a empregabilidade da mocidade da provincia
16/10/2026
O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, informou este venres da aprobación en Xunta de Goberno do proxecto Erasmus+ 2026, que ten o obxectivo de completar a formación do alumnado de Formación Profesional con prácticas laborais en empresas e institucións situadas en países da Unión Europea.
“Con este programa seguimos fomentando que a nosa mocidade adquira experiencia e coñecementos para mellorar a súa empregabilidade”, sinalou o presidente da Deputación, que asegurou que “poderán aplicar todo o que aprenderon ao seu regreso, para así poderse establecer máis facilmente na provincia, porque o que queremos é reter o noso talento”.
A Deputación de Pontevedra investirá neste proxecto un total de 904.000 euros, dos que máis de 680.000 euros proceden dunha axuda do Servicio Español para la Internacionalización de la Educación (SEPIE) que se completan con máis de 220.000 euros de fondos propios da Deputación. Grazas a estes recursos, 65 alumnos de FP van poder realizar as súas estadías no estranxeiro, dunha duración aproximada de seis meses, e outros 12 docentes e persoal de FP poderán realizar mobilidades de aprendizaxe por observación de arredor dunha semana.
O programa Erasmus+ 2026 terá unha duración de 15 meses, que se poden estender ata un total de dous anos. Para a xestión desta iniciativa a Deputación de Pontevedra ten un consorcio de mobilidade formado por 38 centros de ensino de 21 concellos da provincia que poden ofrecer ao seu alumnado a posibilidade de realizar estes períodos de prácticas no estranxeiro e, despois de que os centros fagan a selección dos alumnos, a institución provincial é a encargada das xestións relativas ás mobilidades, facéndose cargo dos trámites relativos á busca de empresas de acollida, á tramitación das bolsas ou á contratación dos seguros.
