Luis López anuncia a posta en marcha de +Convivencia Inclusiva, dotado con 125.000 € para promover iniciativas de lecer para persoas con discapacidade
“O noso obxectivo é fomentar a inclusión social, o benestar emocional e a participación activa das persoas con discapacidade mediante o apoio ás entidades que desenvolvan actuacións na provincia”, remarcou o presidente provincial
17/07/2026
O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, anunciou hoxe en conferencia de prensa que a Xunta de Goberno acaba de aprobar as bases do novo programa +Convivencia Inclusiva. Unha proposta dotada con 125.000 euros e que busca promover iniciativas de lecer para persoas con discapacidade. “O noso obxectivo é fomentar a inclusión social, o benestar emocional e a participación activa das persoas con discapacidade mediante o apoio ás entidades que desenvolvan actuacións na provincia”, remarcou o presidente provincial.
O programa está destinado a entidades de iniciativa social sen fins de lucro que desenvolvan actuacións de lecer inclusivo no ámbito da discapacidade e da dependencia na provincia. Cada unha recibirá ata un máximo de 2.500 € que lles permitirán subvencionar actividades que se desenvolvan na provincia como saídas con ou sen pernocta, entre elas visitas a lugares, concellos ou illas relacionadas coa arqueoloxía, a arquitectura civil; saídas a spas, piscinas ou balnearios, ou campamentos. Tamén poderán subvencionar propostas de lecer como asistir ao cine, teatro, concertos ou espectáculos; visitar museos, acuarios, zoolóxicos, etc.. ou desenvolver actuacións de promoción deportiva, de intervención terapéutica grupal, artísticas, creativas, de convivencia e intercambio.
As actividades deberán realizarse antes do 31 de marzo do próximo ano e entre os gastos subvencionables atópanse os derivados das actividades de tempo de lecer (entradas a cines, museos, exposición…), gastos de desprazamento necesarios para realizar as actividades de lecer inclusivo; gastos de seguros necesarios para levar a cabo o proxecto subvencionado; gastos de pernocta das persoas usuarias e do persoal profesional acompañante, gastos de restauración ou servizo de catering, ou gastos de material funxible necesario para o desenvolvemento das actividades.
