A Deputación de Pontevedra aproba 280.000 € para impulsar melloras en instalacións deportivas dos concellos de Oia e Poio
O presidente Luis López informou dos recursos mobilizados no marco do terceiro Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas, que inxectará 8 millóns de euros para seguir impulsando a provincia do deporte
20/03/2026
A Deputación de Pontevedra aprobou este venres na Xunta de Goberno dúas axudas por valor de 280.000 euros aos concellos de Oia e Poio, que mobilizan así todos os recursos que teñen á súa disposición no marco do terceiro Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas (PEID). Por unha banda, Oia recibirá 94.000 € para financiar a ampliación e mellora do espazo deportivo do Cabezo, onde se executará unha nova pista de bolos, e Poio recibirá 184.000 € para construír dúas pistas de atletismo arredor do campo de fútbol municipal exterior da Reiboa.
A pista de bolos no complexo do Cabezo, en Oia, inclúe a execución de soleiras de pedra para a zona de saída de bola e a zona de tiro, a disposición dunha bancada lonxitudinal, a delimitación perimetral da pista con bordos de formigón ou a instalación dunha rede parabalóns de catro metros de altura. Tamén se executarán un cuberto e a instalación de alumeado público exterior, con proxectores LED de alta eficiencia e a adecuación do cadro eléctrico para integralo con esta nova instalación.
No caso da pista de atletismo na Reiboa, en Poio, esta dotación contará con seis rúas e unha soa cola arredor do campo de fútbol, o que permitirá ampliar a oferta deportiva na zona. Trátase dunha primeira intervención de base, de cara a unha posible homologación por parte dos organismos correspondentes. As obras inclúen a instalación dunha rede de pluviais, a extensión do firme da pista, a instalación dun bordo e unha soleira de formigón e a colocación da marcaxe e a sinalización seguindo as normas da Federación Española de Atletismo.
Luis López sinalou que “estes son outros exemplos máis de como o Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas, que reparte 8 millóns entre os concellos de menos de 50.000 habitantes, nos axuda a construír a provincia do deporte na que queremos que se converta Pontevedra”.
