A Deputación aproba 600.000 € do Plan +Provincia para a mellora de camiños municipais en Cambados e Meaño
Cambados recibe 300.000 € para pavimentar camiños nas parroquias de Oubiña, Cambados, Corvillón, Vilariño e Castrelo, e Meaño outros 300.000 € para vías de Padrenda, Xil, Meaño, Simes e Lores
11/09/2026
O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, confirmou este venres a aprobación de dúas axudas por un total de 600.000 euros para Cambados e Meaño no marco do Plan +Provincia 2026-2027, grazas aos cales ambos concellos procederán a mellorar camiños de diferentes parroquias.
En concreto, Cambados recibe 300.000 euros para mellorar a capa de rodaxe e as cunetas en mal estado de 12 camiños nas parroquias de Cambados (rúa Rafael Diestre), Corvillón (camiño na Veiga), Vilariño (camiños en Cacabelos, en Quintá, en San Antón e na Modia), en Oubiña (vías na Cereixeira e en Bouza do Rei) e en Castrelo (camiños en O Facho, en Xesteiras, en Couto de Abaixo, en Couto de Arriba e en Lourido). Pola súa banda, Meaño recibe outros 300.000 euros para mellorar varios camiños rurais nas parroquias de Padrenda, Xil, Meaño, Simes e Lores. Neste caso, levaranse a cabo diferentes actuacións previas e movementos de terra, a instalación dunha nova rede de abastecemento, procederase á pavimentación e finalmente, a instalación dunha nova sinalización.
“Seguimos desta maneira, como todas as semanas, avanzando no reparto dos 85 millóns de euros cos que conta este plan, que é unha peza vital para que a nosa provincia siga mellorando e se poidan prestar servizos públicos de calidade”, afirmou o presidente provincial.
