A Deputación aproba preto de 500.000 euros do Plan +Provincia para financiar actuacións nos concellos de Cuntis, A Lama e Marín
Cuntis contará con 73.000 € da liña de gasto corrente para diferentes gastos da Festa do Lacón con Grelos e das festas patronais e na liña de investimentos A Lama recibirá 60.000 € para a mellora da drenaxe en camiños municipais na Portela e Cambeses e Marín preto de 355.000 € para as instalacións de saneamento e abastecemento na PO-313
24/07/2026
A Deputación de Pontevedra aprobou este venres na Xunta de Goberno tres achegas por valor de preto de 500.000 euros para os concellos de Cuntis, A Lama e Marín no marco do Plan +Provincia 2026-2027. O presidente provincial, Luis López, anunciou que Cuntis contará con 73.000 € da liña de gasto corrente para diferentes gastos da Festa do Lacón con Grelos e das festas patronais e na liña de investimentos A Lama recibirá 60.000 € para a mellora da drenaxe en camiños municipais na Portela e Cambeses e Marín preto de 355.000 € para as instalacións de saneamento e abastecemento na PO-313
En concreto, as actuacións proxectadas na Lama teñen por obxecto mellorar a drenaxe dos camiños municipais, mellorando a recollida de augas e mellorando, polo tanto, a seguridade viaria de peóns e vehículos. Actuarase no núcleo da Portela, na parroquia de San Salvador de A Lama e no de Cambeses, na Barcia de Seixo. As obras no camiño da Portela consisten na execución dun drenaxe ao longo do camiño coa instalación dunha tubaxe de PVC ranurada de 400mm, a execución dunha cuneta de formigón transitable con sumidoiros para a recollida da auga e dúas obras de drenaxe transversal. Pola súa banda, en Cambeses executarase a mellora da cuneta lonxitudinal para a recollida de augas, instalarase unha reixa transversal para recollida de augas de escorrentía e renovarase o pavimento afectado por un novo de formigón.
No caso de Marín, os fondos provinciais permitirán implantar e ampliar as redes de saneamento e abastecemento de auga na estrada PO-313, concretamente na parroquia de Santo Tomé de Piñeiro, de xeito coordinado e simultáneo á construción dunha senda peonil e ciclista impulsada pola Axencia Galega de Infraestruturas (AXI) no mesmo tramo. A actuación sanitaria dará servizo ás vivendas da marxe esquerda nas áreas do Cadro e Cadrelo mediante dous colectores principais que recollerán as augas residuais e as dirixirán a unha nova estación de bombeo, dende onde se impulsarán para verter na rede municipal existente.
Por último, cos 73.000 € que recibe, o Concello de Cuntis vai facer fronte a diferentes pagos relacionados coa Festa do Lacón Con Grelos destinados á Fundación Terra Termarum Castrolandín, Copistrada, Ambulancias do Nordés ou a diferentes actuacións, entre outros. Tamén permitirán sufragar as carpas empregadas para o concerto e xantar da festa, que chegou este ano á súa edición número 27 e a actuación musical das festas patronais, que terán lugar o vindeiro 15 de agosto.
“Como todas as semanas seguimos avanzamos no reparto dos 85 millóns de € cos que conta este plan, que é unha peza vital para que a nosa provincia siga mellorando e se poidan prestar servizos públicos de calidade”, sinalou Luis López.
