A Deputación aproba 440.000 € do Plan +Provincia para os concellos de Moraña e Caldas de Reis

Moraña recibirá 200.000 € para a creación dun itinerario peonil no lugar de Covelo e a mellora do camiño de acceso a Conles e Caldas de Reis outros 240.000 € para o saneamento no lugar de Sequeiros

31/07/2026

A Deputación aproba 440.000 € do Plan +Provincia para os concellos de Moraña e Caldas de Reis

A Deputación de Pontevedra aprobou este venres na Xunta de Goberno sete achegas por valor de máis de 440.000 euros para os concellos de Moraña e Caldas de Reis no marco do Plan +Provincia 2026-2027. O presidente provincial, Luis López, anunciou que Moraña recibirá 200.000 € para a creación dun itinerario peonil no lugar de Covelo e a mellora do camiño de acceso a Conles e Caldas de Reis outros 240.000 € para o saneamento no lugar de Sequeiros, en Saiar.

Máis polo miúdo, en Moraña, o primeiro dos proxectos ten por obxecto a creación dunha senda peonil segregada de 350 metros de lonxitude que une o centro urbano de Santa Lucía co lugar de O Covelo. A intervención inclúe traballos de demolición de pavimentos antigos, escavacións e construción de muros de contención en pedra, ademais da execución dunha senda de formigón coloreado. Para completar a actuación e garantir a seguridade viaria, instálanse varandas de protección e sinalización horizontal e vertical, incluíndo un novo paso de peóns.

Tamén en Moaña procederase á mellora do camiño de acceso ao lugar de Conles. A intervención inclúe tarefas de escavación en terra e rocha, demolición de pavimentos de formigón, apertura de foxos e caixas, e a instalación dunha nova rede de drenaxe e pluviais con tubaxes de polipropileno, pozos de rexistro e imbornais. Finalmente, establécense unha base granular de zahorra artificial e un novo firme de aglomerado asfáltico en quente, acompañado de fresados, limpeza de superficies, recheos e a construción de cimentacións de formigón para muros de contención.

Ademais, en Caldas de Reis prevese a execución dun tramo de colector principal que se unirá á rede de saneamento municipal existente na PO-305 e a apertura ao descuberto do Rego Saiar. A nova rede recollerá as augas residuais do lugar de Sequeiros a través de dous canalizacións que se xuntarán antes de chegar á estación de bombeo e unha das canalizacións discorrerá separada polo menos 3 metros do curso do Rego Saiar, mentres que a outra irase á beira do camiño, baixo a cuneta. Construirase ademais unha estación de bombeo equipada cun sistema de filtrado de residuos e dúas bombas que se irán alternando para impulsar a auga. As vivendas conectaranse á rede con arquetas de rexistro e tubos de conexión co pozo máis próximo e aproveitarase a obra para arranxar un tramo do camiño e dar acceso a unha propiedade situada na parte alta do trazado.

“Como todas as semanas seguimos avanzamos no reparto dos 85 millóns de euros cos que conta este plan, que é unha peza vital para que a nosa provincia siga mellorando e se poidan prestar servizos públicos de calidade”, sinalou Luis López.