A Deputación aproba máis de 700.000 € do Plan +Provincia para impulsar actuacións e gasto corrente en cinco concellos da provincia

Dentro da liña 1, Vilaboa acometerá a pavimentación da vía principal de Barciela e Poio financiará as obras de mellora das estacións de bombeo da Seca e Porto Campelo

20/03/2026

A Deputación aproba máis de 700.000 € do Plan +Provincia para impulsar actuacións e gasto corrente en cinco concellos da provincia

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, informou este venres da aprobación na Xunta de Goberno provincial de novas achegas por valor de máis de 720.000 € no marco do Plan +Provincia 2026-2027 para que os concellos de Vilaboa, Poio, Baiona, Nigrán e Ponteareas poidan facer fronte a actuacións e ao gasto corrente derivado das súas actividades e servizos.

Dentro da liña 1 de investimentos, Vilaboa recibirá 77.000 € para acometer a pavimentación da vía principal de Barciela, en Santa Cristina de Cobres. Reforzarase e renovarase o firme, ampliarase a sección da calzada, mellorarase a recollida de augas pluviais coa instalación de reixas de drenaxe transversal e medios canos para a lonxitudinal, renovarase a sinalización e executaranse novos redutores de velocidade.

No marco de Poio, tamén na liña 1, o concello recibirá 340.000 € para financiar a súa parte das obras de mellora das estacións de bombeo de augas residuais da Seca e Porto Campelo. As obras teñen o obxectivo, por unha banda, de reducir o volume de alivios coa execución dun depósito de retención previo ao bombeo (coñecido como tanque de tormentas) na Seca, e pola outra de renovar o bombeo de Porto Campelo (que á súa vez bombea cara á estación de Mirador, nas proximidades da praia de Lourido) xa que se atopa deteriorado e pode ocasionar problemas. A actuación permitirá incrementar a capacidade de recollida e tratamento de augas na localidade.

Dentro da liña 2 de gasto corrente, Baiona e Nigrán recibirán 89.000 e 96.000 € respectivamente para o financiamento de diversas actividades (no caso de Baiona a escola de verán, Baiona Lila, Baiverán 2026 e a Festa do Carme 2026; e no caso de Nigrán Solpor Monteferro, Nigrán Jazz, Parrulas Fest, Primavera de Jazz, Atlántica, Vermú de barrio, Nigrán Blues e Nigrán área), mentres que Ponteareas dedicará os máis de 119.000 euros aprobados este venres para financiar o seu servizo de roza e limpeza de cunetas e marxes.

Luis López destacou que “seguimos sumando recursos dentro destes 85 millóns de € dos que está dotado o +Provincia 2026-2027, o plan de obras e servizos de competencia municipal máis ambicioso da historia da Deputación de Pontevedra”. Con este plan, sinalou o presidente da Deputación, “demostramos ser os máximos aliados dos concellos desta provincia, dotándoos de recursos para facer realidade os seus proxectos e respectando a súa autonomía”.

videos

audios

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 4 resultados.