#LINGUA

Asociación Socio-Pedagóxica Galega

AS-PG

A Deputación mantén unha colaboración coa Asociación Socio-Pedagóxica Galega AS-PG, unha entidade de máis de 40 anos de existencia que supuxo un movemento de renovación pedagóxica pioneiro en Galicia e que ten unha importancia chave no proceso de normalización lingüística do galego, xa que aposta pola innovación educativa pensando nun ensino en galego como medio natural de comunicación.


Con esta colaboración preténdese afianzar o seu compromiso coa lingua e coa cultura galegas a través de diferentes iniciativas divulgativas e formativas.

Escolas de Familia

A Deputación de Pontevedra e a Asociación Socio-Pedagóxica Galega (AS-PG) editaron a guía ‘A familia, núcleo das primeiras aprendizaxes’, un traballo en galego que pretende axudar nais e pais na educación das nenas e nenos en temas coma a motivación, a disciplina, a lectura, as emocións, a xestión de conflitos e a educación afectivo-sexual.

Repartíronse 5.000 exemplares da guía entre os centros de ensino e as bibliotecas da provincia; ademais, esta pode consultarse en formato dixital na web da AS-PG e das federacións das ANPA.

Faladoiros sobre actualidade

A Asociación Socio-Pedagóxica Galega (AS-PG) e a Deputación de Pontevedra organizaron un ciclo de faladoiros no que se abordou a actualidade desde unha perspectiva galega. Co título "Fálase de…" as conversas centráronse en temas coma o cambio climático, as mulleres no deporte de competición, a guerra comercial entre A China e os Estados Unidos, a emigración na Galicia actual ou o xornalismo.