#AidaFernandezRios

Ciclo de Conferencias Científicas Aida Fernández Ríos

2024

Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) e a Deputación de Pontevedra consideran de interese común a colaboración para a realización do Ciclo de Conferencias Aida Fernández Ríos e así promover o interese do público xeral, ademais de impulsar o enorme labor científico levado a cabo en Galicia.


A RAGC leva organizando actividades, cursos e ciclos de conferencias en toda a comunidade galega desde a súa fundación no ano 1973, e en liña cos seus obxectivos (difundir a ciencia e a tecnoloxía) pretende instaurar este ciclo de conferencias no que se abordan distintas temáticas con repercusión na sociedade.

Nun primeiro bloque organízanse conferencias en formato webinar impartidas por persoas de recoñecido prestixio no seu ámbito profesional propostas pola RAGC. E nun segundo bloque conferencias en centros de ensino da provincia de Pontevedra dirixidas ao alumnado da ESO.

Ante calquera dúbida pódese contactar co Servizo de Xuventude e Reto Demográfico en  xuventudereto@depo.es

CONFERENCIAS DIRIXIDAS AO GRAN PÚBLICO

AVANCES EN EPIDEMIOLOXÍA E TERAPIA

18 de abril de 2024 | 19 h |  40 minutos por persoa relatora máis preguntas (online) | preinscrpición

Título: “Cribado neonatal, onde estamos e cara a onde imos”

M.ª Luz Couce Pico
Directora científica do Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela (IDIS). Xefa do Servizo de Neonatoloxía e directora da Unidade de Diagnóstico e Tratamento de Enfermidades Metabólicas Conxénitas do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS).

Resumo: O programa de cribado neonatal ten como obxectivo detectar nos neonatos determinadas enfermidades conxénitas graves para tratalas antes de que aparezan os síntomas. Constitúe un dos grandes logros sanitarios que permitiu e permite salvar vidas e claramente, co seu diagnóstico e tratamento precoz, mellorar o prognóstico daqueles nenos con patoloxías detectables a través do programa. Case 400.000 nenos se benefician destes programas de cribado en España.

A investigación no descubrimento de biomarcadores bioquímicos e xenéticos óptimos e de novas terapias para estas enfermidades conxénitas repercute favorablemente no futuro do cribado deste tipo de enfermidades. Neste sentido, Galicia ten o programa de cribado neonatal máis amplo de España e un dos primeiros de Europa, con 37 patoloxías incluídas como obxectivo primario. Non obstante, debemos seguir na vangarda e avanzar na investigación de novos estudos piloto xenéticos poboacionais.

Título: “VIH: situación actual, avances e retos actuais”.

Eva Poveda López
Directora Científica do Instituto de Investigación Sanitaria Galicia Sur (IISGS). Coordinadora do Grupo de Investigación Viroloxía e Patoxénese.

Resumo: Coñeceremos a situación actual da infección polo virus da inmunodeficiencia humana (VIH) e trasladarémoslle á sociedade os extraordinarios avances científicos dos últimos anos neste ámbito, coñecementos que son claves para promover a prevención, o diagnóstico e a non discriminación. O éxito do tratamento actualmente dispoñible transformou o VIH nunha situación crónica, ademais de supoñer unha ferramenta clave na prevención. Neste contexto, abórdanse novos retos para a continua mellora da saúde e a calidade de vida das persoas que viven con VIH e para alcanzar os obxectivos de ONUSIDA en 2030.

BENESTAR PSICOLÓXCO E PRODUTIVIDADE

25 de abril de 2024 | 19 h | 50 minutos máis preguntas (online) | preinscrpición

Título: “O benestar psicolóxico, o equilibrio emocional e o desempeño no traballo

Fernando Salgado Velo
Catedrático de Psicoloxía do Traballo e Recursos Humanos. Decano da Facultade de Relacións Laborais. Universidade de Santiago de Compostela (USC).

Resumo: O benestar psicolóxico (BP) dos empregados e a súa relación co desempeño das persoas no traballo e a produtividade das organizacións é unha cuestión que atraeu o interese de psicólogos, economistas, políticos, organizacións sindicais e, por suposto, dos propios empregados. A investigación demostrou que o BP se correlaciona significativamente con mellor saúde e maior lonxevidade, menor consumo de alcohol, maior nivel de exercicio e mellores relacións interpersoais. Tamén se comprobou que existen diferenzas nos niveles de BP entre homes e mulleres e entre a mocidade e as persoas maiores. Tamén se observou que os niveles nacionais de BP se correlacionan cun maior PIB. No ámbito das empresas, un maior nivel de BP asóciase con maiores niveles de desempeño, maior implicación no traballo, salarios máis elevados e maior satisfacción laboral. Nesta conferencia describirase o que é o BP, cales son os seus compoñentes e cales foron os resultados da investigación máis recente sobre as relacións entre o BP e os resultados organizativos.

ECONOMÍA OCEÁNICA SOSTIBLE

16 de maio de 2024 | 19 h | 50 minutos máis preguntas (online) | preinscrpición

Título: “Os alimentos mariños son cruciais para a saúde do Planeta e benestar da humanidade”.

Sebastián Villasante Larramendi
Profesor contratado doutor en Economía Aplicada. Facultade de Administración e Dirección de Empresas. Centro de Investigación Interdisciplinar en Tecnoloxías Ambientais (CRETUS). Universidade de Santiago de Compostela (USC)

Os alimentos azuis desempeñan un papel crucial nos sistemas alimentarios, xa que poden contribuír á seguridade alimentaria, a reducir a malnutrición e a crear sistemas alimentarios sans, resistentes e respectuosos coa natureza en todo o mundo. Hoxe en día, os alimentos azuis son o medio de vida de máis de 100 millóns de persoas e sustento a mil millóns en todo o mundo. Máis de 2.500 especies de peixes, invertebrados, algas e plantas acuáticas captúranse ou cultívanse para a alimentación, proporcionándolles unha importante inxestión diaria de proteínas a máis de 3.000 millóns de persoas. Ademais, ofrecen micronutrientes esenciais que reducen a malnutrición entre os grupos de risco, coma as e os nenos e as mulleres, e diminúen o risco de enfermidades non transmisibles. Con todo, a miúdo pásanse por alto nas conversas sobre o futuro da alimentación, que tenden a centrarse nos cultivos terrestres e no gando.

INTELIXENCIA ARTIFICIAL E PROCESAMENTO DA LINGUAXE

23 de maio de 2024 | 19 h | 50 minutos máis preguntas (online) | preinscrpición

Título: “Aplicacións da intelixencia artificial para o procesamento da linguaxe natural. Novas tendencias e desafíos actuais” 

Silvia García Méndez
Investigadora posdoutoral da Xunta de Galicia. Grupo de Tecnoloxías da Información, AtlanTTic. Universidade de Vigo (UVigo)

Resumo: A intelixencia artificial está cada vez máis presente na nosa vida cotiá, máis aínda coa revolución que supoñen as solucións de procesamento da linguaxe natural baseadas en modelos masivos de linguaxe coma ChatGPT. Pero, entendemos como funcionan estes sistemas?, que novas tendencias e aplicacións están por chegar?, cales son os principais retos aos que nos enfrontamos? Nesta charla abordaremos temas relevantes coma a necesidade de que as e os usuarios finais comprendan a toma de decisións da intelixencia artificial, a chamada interpretabilidade e explicabilidade, así como a cooperación humano-máquina, coñecida popularmente como aprendizaxe de reforzo a partir da retroalimentación humana, entre outros conceptos en auxe neste paradigma tecnolóxico renovado. Analizaremos casos reais de uso destes sistemas en ámbitos coma a medicina, a industria, a educación, as redes sociais etc.

EXCAVACIÓNS PALEONTOLÓXICAS EN GALICIA

30 de maio de 2024 | 19 h | 50 minutos máis preguntas (online) | preinscrpición

Título: “De fósiles a humanos, unha historia de ida e volta” 

Aurora Grandal d´Anglade
Profesora titular de Paleontoloxía. Instituto Universitario de Xeoloxía Isidro Parga Pondal. Universidade da Coruña (UDC)

Resumo: Os seres humanos estiveron interesados polos fósiles desde a Prehistoria, aínda que probablemente descoñecían o que significaban aqueles obxectos de formas curiosas. Non foi ata o Renacemento cando se recoñeceu a súa verdadeira natureza. Seguindo un camiño moitas veces tortuoso, chegamos á época na que atopamos e estudamos os fósiles dos nosos propios antepasados, descubrindo a apaixonante historia da nosa especie no seu paso pola Terra. No noso repaso non poden faltar os estudos sobre os achados de fósiles en Galicia; non sempre restos humanos, pero que en moitos casos tamén nos falan da nosa historia.

INMUNOTERAPIA E CANCRO

06 de xuño de 2024 | 19 h | 40 minutos por persoa máis preguntas (online) | preinscrpición

Título: “Os biomateriais no combate do cancro” 

Bárbara Blanco Fernández
Investigadora Ramón y Cajal, Departamento de Farmacoloxía, Farmacia e Tecnoloxía Farmacéutica, Instituto de Materiais (iMATUS), Universidade de Santiago de Compostela.

Resumo: Os biomateriais son substancias destinadas a interactuar co corpo humano, os órganos, os tecidos ou as células e inclúen compostos coma metais, plásticos, cerámicas, ata proteínas, polisacáridos, e ácidos nucleicos. Por exemplo, os biomateriais poden ser implantes dentais, válvulas cardíacas, suturas, sistemas para liberar medicamentos coma nanopartículas, e incluso tecidos artificiais. Os biomateriais tamén permiten combater e estudiar o cancro. De feito, nos últimos anos desenvolvéronse numerosas terapias para o tratamento de distintos tipos de tumores que inclúen biomateriais, coma nanopartículas que encapsulan fármacos antitumorais para un tratamento localizado máis efectivo e con menos reaccións adversas, nanopartículas magnéticas para a ablación de tumores, ou hidroxeles encapsulando células para combater o tumor, coma as células CART ou células suicidas. Os biomateriais tamén permiten estudar a fisiopatoloxía do cancro, xa que permiten encapsular as células tumorais para facer tumores artificiais, que permiten descubrir novas dianas terapéuticas e marcadores tumorais, o cribado de fármacos en ensaios preclínicos, ou incluso para a medicina personalizada.

Título: “Células CAR-T: novo paradigma no tratamento do cancro”  

Mariona Baliu Piqué
Responsable do Centro de Fabricación de Terapias Avanzadas de Galicia. Galaria EPSS – Servizo Galego de Saúde

Resumo: O tratamento con células CAR-T (do inglés chimeric antigen receptor) é unha nova inmunoterapia baseada en células que ten como obxectivo redirixir o propio sistema inmunolóxico do paciente para que poida recoñecer, atacar e eliminar un tumor.
O material de partida dos medicamentos CAR-T son as propias células do paciente, normalmente colleitadas mediante aférese. Para fabricar estes medicamentos, unha vez que as células do paciente chegan ao centro de produción, primeiro actívanse, transdúcense mediante vectores virais que codifican o receptor CAR e expándense durante aproximadamente 10 días; finalmente, criopresérvanse.
Unha vez que o paciente está listo para recibir o tratamento, o produto de células CAR-T envíase ao hospital e infúndese no paciente. As perspectivas futuras no sector inclúen o desenvolvemento de células CAR-T fronte a tumores sólidos, terapias dirixidas a máis dun antíxeno á vez, así como outras inmunoterapias celulares, coma as células CAR-NK e os TIL. Ademais, os tratamentos con células CAR-T están a empezar a utilizarse como primeira e segunda liña de tratamento en ensaios clínicos, o que podería achegar grandes beneficios terapéuticos.

Poboación destinataria: Dirixidas ao alumnado dos centros de ensino da provincia de Pontevedra (ESO, Bacharelato e ciclos de FP), propostos pola Deputación de Pontevedra.

CHARLAS NOS CENTROS DE ENSINO

Manuel Caeiro Rodríguez
Profesor titular de Enxeñería Telemática, Escola de Enxeñería de Telecomunicación, Universidade de Vigo.

Título: “Ser ou non ser hacker e o dilema dos ‘sombreiros’”.

Resumo: Cada día prodúcense ao noso redor ataques informáticos nos que se rouban datos, se manipulan documentos, se secuestran equipos ou se fai uso de ordenadores zombis para cometer actividades delitivas. Os hackers parecen estar detrás destes incidentes, pero, ao mesmo tempo, tamén son unha peza clave para a protección e a seguridade. O certo é que hai distintos tipos de hackers, que se definen en canto á súa ética pola cor do seu ‘sombreiro’: brancos, negros, grises, vermellos ou azuis. Queres coñecelos?

Carmen Álvarez Lorenzo
Catedrática de Tecnoloxía Farmacéutica. Facultade de Farmacia. Universidade de Santiago de Compostela. Académica da RAGC e da RAFG.

Título: “Medicamentos personalizados”

Resumo: Os medicamentos conteñen fármacos nunha cantidade determinada (dose) para previr ou curar enfermidades. En moitos casos, a mesma dose dun fármaco serve para a maioría das persoas. Non obstante, hai quen necesita fármacos distintos ou doses distintas do mesmo fármaco, o que fai necesario preparar medicamentos personalizados que se adapten ás súas necesidades específicas.  

Minia Manteiga Outeiro
Catedrática de Astrofísica do Departamento de Ciencias da Navegación e Enxeñería Mariña. Vicepresidenta da Sociedade Española de Astronomía. Universidade da Coruña. Académica da RAGC

Título: “Exoplanetas e a nova ciencia da Astrobioloxía”

Resumo: Ata que se descubriu o primeiro planeta orbitando unha estrela diferente do Sol, no ano 1992, pensábase que quizais o Sistema Solar fose unha singularidade no Universo. Na actualidade sabemos que non somos nada especiais; descubríronse máis de 5.300 planetas arredor de estrelas de todo tipo, algúns formando sistemas planetarios parecidos ao noso. Nesta charla vou explicar o gran reto tecnolóxico que supón a detección de exoplanetas, e incidirei no obxectivo principal dunha nova ciencia coñecida como Astrobioloxía, a busca de indicios de vida en planetas diferentes ao noso.

Vanessa Valdiglesias García
Profesora titular de Xenética. Coordinadora do Grupo de Investigación en Nanotoxicoloxía e Toxicoloxía Xenética. Centro de Investigacións Científicas Avanzadas (CICA). Universidade da Coruña.

Título: “O impacto das substancias cotiás no noso material xenético”.

Resumo: Algunhas patoloxías, entre elas o cancro, están causadas por cambios xenéticos que alteran o funcionamento normal das células. Algúns destes cambios ocorren de forma natural por erros en procesos celulares, pero outros prodúcense como consecuencia de exposicións a distintos axentes, químicos, físicos ou biolóxicos, e poden alterar o noso ADN. A toxicoloxía, ou o estudo dos efectos nocivos destes axentes sobre a saúde e o medio, aplicada á xenética, trata de determinar o impacto dos distintos compostos que nos rodean sobre o material xenético e a súa relación con distintas enfermidades. Entender os efectos destas exposicións sobre o noso ADN pode axudar a previr as súas consecuencias. Esta charla pretende achegarlle ao alumnado, dunha forma dinámica e amena, o mundo da toxicoloxía xenética e salientar a importancia dos seus estudos.

María José Carreira Nouche
Profesora titular da Área de Ciencias da Computación e Intelixencia Artificial. Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes (CiTIUS). Universidade de Santiago de Compostela

Título: “A intelixencia artificial nas nosas vidas”

11 de abril de 2024 | 10:10 h | IES Illa de Tambo, Marín

Resumo: Considérase que o termo “intelixencia artificial” ten a súa orixe no ano 1956. Entón, como é que ata ben recentemente non se escoitara falar dela? Temos que considerala como amiga ou inimiga? Ante a cantidade de noticias que hai agora mesmo sobre os seus usos e ameazas, tentaremos poñela en contexto explorando diferentes actividades nas que está presente sen que o sospeitemos.
Amosaremos casos nos que a intelixencia artificial está sendo chave para resolver grandes problemas, por exemplo no ámbito da saúde. Ademais, presentaremos os aspectos positivos da intelixencia artificial e tentaremos facer unha reflexión da súa aplicación ética e responsable. 

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 16 resultados.

ODS NOS QUE TEN IMPACTO