Amigas da Terra

Amigas da Terra é unha entidade ecoloxista e de cooperación ao desenvolvemento que inicia a súa actividade en Galicia en 1998.

A súa misión é fomentar o cambio local e global cara a unha sociedade máis respectuosa co medio, xusta e solidaria. Pretende construír un mundo onde todos os seres vivos e os pobos vivan con dignidade e en harmonía coa natureza.

Xunto con outras organizacións análogas e homónimas, está integrada en Amigos de la Tierra, unha organización non gobernamental clásica no Estado español que leva traballando de forma continua máis de vinte e cinco anos. Esta organización basea o seu traballo nos distintos grupos locais, presentes en seis comunidades autónomas de toda España. Forma parte, á súa vez, de Friends of the Earth International (Amigos da Terra Internacional), unha organización orixinada nos Estados Unidos, Gran Bretaña e Suecia en 1971 e que foi estendéndose ata o día de hoxe a 73 países dos cinco continentes. España incorporouse como membro en 1979.

Amigas da Terra conta actualmente con máis de cen socias e socios e dúas oficinas, en Ourense e en Vigo, e con cinco áreas de traballo: recursos naturais e residuos, xustiza climática, soberanía alimentaria, biodiversidade e xustiza económica.

En todas elas desenvolve proxectos de educación ambiental en espazos educativos formais e non formais, dirixidos tanto á xuventude coma ao público adulto.

O seu ámbito de actuación comprende todo o territorio galego, así como os países de Nicaragua e Honduras, onde desenvolve proxectos de cooperación que melloran as condicións de vida de comunidades rurais desta rexión do mundo, a través da promoción de actividades produtivas respectuosas co medio, coma a pesca artesanal ou a agroecoloxía. Así, impulsa un desenvolvemento sostible que protexe o medio ambiente e os medios de vida das persoas.

Tamén destaca polo seu labor de incidencia e denuncia ante as decisións políticas sobre as  problemáticas ambientais que nos afectan.

No seu esforzo por construír sociedades inclusivas e diversas, nos últimos anos desenvolve, en colaboración con entidades de acción social, actuacións formativas e de lecer con colectivos en risco de exclusión, coma persoas con diversidade funcional ou migrantes, e en situación de refuxio.

Datos de contacto:

Oficina en Vigo: rúa Velázquez Moreno, 9, 2.º, 36201 Vigo