Asociación Enfermos de Artrite Pontevedra

ASEARPO
Asociación Enfermos de Artrite Pontevedra

A Asociación Enfermos de Artrite Pontevedra (ASEARPO) é unha entidade sen ánimo de lucro que representa as persoas que padecen artrite (reumatoide, psoriásica, idiopática xuvenil), espondiloartrite ou enfermidades afíns, con ou sen discapacidade física ou orgánica, no ámbito sanitario, social, laboral e familiar, orientando e facilitando información, documentación e asesoramento dentro da provincia de Pontevedra.

Creouse en 2013 e conta cunha oficina situada no Edificio Multiúsos de Chapela (Redondela), cedida polo Concello de Redondela, na cal existe atención presencial. No mesmo edificio desenvólvense actividades grupais de diferente temática (clases semanais ou charlas médicas, entre outras).
ASEARPO tamén ten presenza nos hospitais da provincia para informar directamente pacientes e familiares mediante mesas informativas ou espazos asociativos.

Forma parte da Coordinadora Nacional de Artritis (ConArtritis), da Confederación Galega de Persoas con Discapacidade (COGAMI) e tamén dos distintos consellos asesores de pacientes, do SERGAS e da área sanitaria de Vigo e de Pontevedra.

Forman parte do seu cadro de persoal unha traballadora social, unha psicóloga, un musicoterapeuta, unha instrutora de taichi e qigong, fisioterapeutas, avogadas e outros e outras profesionais.

O seu obxectivo é contribuír a mellorar a calidade de vida das persoas enfermas de artrite mediante unha atención integral ao longo das diferentes etapas da súa vida.

Datos de contacto

Rúa Pinal do Crego, s/n. Edificio Multiúsos, 36320 Chapela (Redondela)