Asociación Pais e Nais de Persoas con Discapacidade Psíquica

ASPAMSIM
ASPAMSIM

A Asociación Pais e Nais de Persoas con Discapacidade Psíquica (ASPAMSIM) é unha entidade sen ánimo de lucro constituída e rexistrada en 1988 como prestadora de servizos sociais. Naceu da man de nais e pais de persoas con discapacidade coa finalidade de mellorar a calidade de vida deste colectivo ao promover súa autonomía, integración social e normalización. ASPAMSIM préstalles servizo a todas as persoas con discapacidade psíquica ou motora de toda a comarca do Morrazo.

Os estatutos modificáronse no 2022 de cara a ser, ademais dunha entidade sen ánimo de lucro, unha asociación preocupada e comprometida coa igualdade e coa inclusión social, entre as e os usuarios do centro, o cadro de persoal, o voluntariado e as familias.

Persoas destinatarias

ASPAMSIM conta con entre 25 e 30 usuarias e usuarios con discapacidade intelectual e outros trastornos asociados (trastornos do espectro autista ou trastornos físicos ou sensoriais, entre outros), todos eles entre 23 e 54 anos de idade, e tenta adaptar os seus programas formativos e lúdicos ás súas necesidades e intereses.

Cada unha destas persoas tivo ao longo da súa vida valoracións de si mesma (desenvolvemento xeral, nivel de competencia curricular, estilo de aprendizaxe) e do seu contexto, o que levou a asociación a ter unha base informativa da que partir ao avaliar as súas necesidades. Esta entidade conta, ademais, con manuais coma o Manual Diagnóstico e Estatístico dos Trastornos Mentais (DSM), que inclúe entre o seu contido as necesidades especiais que adoita presentar este colectivo e serve de guía á hora de coñecer as súas fortalezas e debilidades.

A día de hoxe, ASPAMSIM recoñécese como un referente para as familias e a sociedade morracense, e conta con usuarias e usuarios procedentes dos diferentes municipios que forman a comarca: Cangas, Bueu, Moaña e Marín. A gran maioría estas persoas asiste grazas ao servizo de transporte co que conta a asociación.

Datos de contacto

Rúa República de Cuba 4 , 1.º andar, 36940 Cangas