Asociación Viguesa de Esclerosis Múltiple de Pontevedra

AVEMPO
AVEMPO

A Asociación Viguesa de Esclerosis Múltiple de Pontevedra (AVEMPO), creada en 1996, é unha entidade sen ánimo de lucro que ten por obxectivo axudar, informar e mellorar a calidade de vida das persoas afectadas por esclerose múltiple (EM) e a da súa contorna.

Como socias de AVEMPO, todas as persoas da provincia afectadas por EM contan cun espazo onde procurar solucións aos problemas derivados da enfermidade e compartir as súas preocupacións con outra xente que padece a mesma enfermidade para crear unha comunidade entre iguais.
Na sede da asociación, eixe do labor da entidade, todas as socias e socios que o precisen e desexen poden obter información e beneficiarse dos servizos que ofrece AVEMPO: fisioterapia, logopedia, psicoloxía, terapia ocupacional, traballo social e actividades coma ioga, pilates, pintura, meditación ou obradoiro de artesanía.

Obxecto e persoas destinatarias

O fin de AVEMPO é fomentar a agrupación de todas as persoas afectadas pola EM e por outras enfermidades similares que vivan na provincia de Pontevedra e das súas familias para poder traballar de forma coordinada na consecución dos seus obxectivos.

A asociación tamén persegue que o colectivo de persoas con EM estea informado, polo que lles facilita información sobre estas enfermidades ás e aos pacientes e ás súas familias para que teñan un mellor coñecemento da súa patoloxía e poidan implicarse no proceso desta e así fomentar o autocoidado.

Coas súas accións, a entidade pretende potenciar todas as canles de información e os sistemas de axuda dispoñibles para as persoas afectadas a fin de favorecer a súa integración social.

AVEMPO traballa tamén de cara á sociedade a través de accións para visibilizar a enfermidade e sensibilizar a opinión pública e as administracións dos problemas de curación, tratamento e prevención desta, á vez que estimula e promove a investigación científica da patoloxía.

Datos de contacto

Rúa Camilo Veiga, 44, baixo, 36208 Bouzas (Vigo)