Aspadeza

Aspadeza

A asociación Aspadeza é unha entidade sen ánimo de lucro formada por nais e pais de persoas con discapacidade intelectual da comarca de Deza. Foi creada no ano 2000 por un pequeno grupo de familias e declarada de utilidade pública por parte do Ministerio do Interior no 2005. O obxectivo fundamental da entidade é mellorar a calidade de vida das persoas con discapacidade intelectual a través da inclusión social e laboral.

Persoas destinatarias

Persoas con discapacidade intelectual da comarca de Deza e dos arredores.

Actuacións

A entidade conta cun centro ocupacional e cun centro de día. A través deles impárteselles formación ás persoas con discapacidade para acadar a súa inclusión e a súa normalización social e laboral, ademais de promover as capacidades e habilidades para conseguir o máximo nivel de autonomía persoal.

Nestes centros préstanse os seguintes servizos: obradoiros ocupacionais e de traballos manuais, formación en habilidades sociais e autodeterminación, estimulación cognitiva, obradoiros de comunicación, traballo con sistemas alternativos de comunicación, musicoterapia, actividades deportivas, participación en programas de voluntariado, grupo de autoxestores, programa de envellecemento activo, atención psicolóxica e social, comedor e transporte adaptado, entre outros.

A entidade dispón dunha vivenda de oito prazas no casco urbano de Lalín para que se empregue como respiro familiar ou vivenda habitual. O obxectivo é capacitar as e os usuarios para que poidan ter unha vida máis independente e promover o seu acceso ao emprego e a súa participación activa na sociedade.

Desde a asociación ofréceselles información, asesoramento e formación continua ás familias a través de xornadas ou charlas sobre temas de interese, ou de forma individualizada. Tamén existe un servizo de asesoría xurídica, de tramitación de recursos e de orientación psicolóxica.
Así mesmo, realízanse excursións, particípase nas viaxes do IMSERSO, organízanse campamentos de verán, campionatos deportivos e actividades nocturnas, e particípase en outras actividades na comunidade.

Datos de contacto

Mouriscade, s/n, Vilanova, 36515 Lalín