Fundación Igual Arte

A Fundación Igual Arte é unha entidade sen ánimo de lucro que naceu no 2002; un espazo activo onde se traballa a arte con persoas con capacidades diferentes. Entende que a arte é un dereito que nos pertence a todas e todos a través da que podemos expresarnos, comunicarnos ou transmitir sensacións. Esta fundación é unha escola artística integral que foi dando pequenos pasos cara á normalización da educación artística de rapazas e rapaces con necesidades educativas especiais mediante espectáculos, a visibilización do seu traballo na rúa e a normalización das súas clases durante a semana. Na actualidade ten máis de cen alumnas e alumnos e diferentes compañías que actúan por toda a península.

Conta cun centro de día, cun centro ocupacional e cun completo programa artístico. O centro de día é un servizo especializado que ten por misión mellorar a calidade de vida das persoas con discapacidades psicofísicas ao promover o seu desenvolvemento persoal e a igualdade de oportunidades. Pola súa banda, o centro ocupacional ten como obxectivo principal a formación artística e a especialización nas diferentes áreas de traballo. Dispón dunha compañía de danza, dun grupo de música moderna, dun grupo de música tradicional e do colectivo Diseñatas. Por último, conta con varias actividades encadradas dentro do programa artístico integral, nas que participan noventa rapazas e rapaces da provincia de Pontevedra maiores de tres anos . Inclúe música, expresión plástica, expresión corporal e outras actividades.

Datos de contacto

Rúa Palencia 34, 36205 Vigo