Fundación Provincial Banco de Alimentos

Fundación Provincial Banco de Alimentos

A Fundación Provincial Banco de Alimentos constituíuse en 1995 en Vigo, onde ten a súa sede principal, e desde 2014 tamén conta cunha delegación propia en Pontevedra.

Apolítico e aconfesional, o Banco de Alimentos é unha entidade benéfica que se sustenta sobre cinco alicerces: a gratuidade na obtención e na doazón dos alimentos; a neutralidade na distribución da comida, sen discriminación política, social nin relixiosa; a profesionalidade ao seguir criterios legais para a conservación e o tratamento dos produtos; a seguridade dunha repartición xusta a través de entidades homologadas que aseguran o destino das axudas a persoas realmente vulnerables; e a transparencia na súa xestión.

Todos os esforzos van encamiñados a velar polo cumprimento dun dos dereitos humanos máis fundamentais e que as persoas sen recursos ven menoscabado: o acceso a unha alimentación suficiente, segura, saudable e gratuíta.

O capital humano da Fundación Provincial Banco de Alimentos son as súas voluntarias e voluntarios. Continuando co exemplo de quen a fundou, xeración tras xeración, a entidade está sostida por un amplo grupo comprometido que ofrece a súa profesionalidade de maneira altruísta.
Esta fundación leva anos comprometida coa loita contra o malgasto alimentario; só en 2021 evitouse que uns 190.000 quilos de comida acabasen desperdiciados ou directamente no lixo.

Persoas destinatarias

Na actualidade, a Fundación Provincial Banco de Alimentos atende unhas 22.000 persoas con dificultades e chega a elas a través de máis de 150 organizacións non gobernamentais e entidades homologadas coas que traballa.

Datos de contacto

Avenida Alcalde de Lavadores 102, baixo, 36214 Vigo