A Deputación adxudica novas accións para modernizar e impulsar a competitividade do comercio de proximidade na provincia

As accións de embelecemento e sinalización enmárcanse nos programas “Da túa man” e “Commerce inside”, dos que se beneficiarán 22 concellos

12/08/2022

Rolda de prensa  

A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra vén de adxudicar por 360.000 euros as primeiras accións dos programas "Da túa man" e "Commerce inside", cos que a institución provincial busca "apostar polo comercio de proximidade de 22 concellos situados no interior da provincia", sinalou a presidenta Carmela Silva, con iniciativas enfocadas á súa modernización e competitividade.

A primeira das dúas accións adxudicadas ten por obxecto o embelecemento das zonas comerciais da provincia, cun importe de 240.815 euros. Concretamente habilitaranse espazos axardinados próximos ás áreas comerciais de interese nestes concellos cos que se garantirá a súa accesibilidade universal. Os puntos contarán con cargadores solares, asentos e elementos decorativos co fin de convertérense en "puntos de encontro e de descanso para a clientela real e potencial do comercio de proximidade" da provincia, asegurou a presidenta provincial.

A segunda das accións adxudicadas hoxe consiste na implantación dunha sinalización corporativa para o comercio de proximidade, tanto no interior dos comercios como na rúa, que os negocios poderán empregar para localización, dirección, información, regulación ou con fins ornamentais. Esta acción adxudicouse por un valor de 118.289 euros.

"Da túa man" busca propiciar os cambios necesarios no interior da provincia para a reactivación do comercio con medidas encamiñadas por unha banda a modernizar tanto os comercios como as súas contornas e, pola outra, a iniciar a transformación dixital dos negocios. Está dotado dun millón de euros e desenvolverase en A Cañiza, Gondomar, Meaño, Moaña, Poio, Ponte Caldelas, Ribadumia, O Rosal, Salceda de Caselas, Silleda e Tomiño .

"Commerce inside", tamén dotado dun millón de euros, busca impulsar a transformación dixital do comercio polo miúdo das zonas turísticas da provincia dotándoas de ferramentas estratéxicas cos que poderá enfrontar os retos de futuro vencellados á actividade turística. Beneficiaranse das accións comercios de Baiona, Bueu, Caldas de Reis, Cambados, O Grove, A Guarda, Nigrán, Sanxenxo, Soutomaior, Tui e Vilanova .

A través dos programas "Da túa man" e "Commerce inside" mobilizaranse un total de 2 millóns de euros, que se financian ao 70% con fondos europeos Next Generation e o 30% restante asúmenos a partes iguais a Deputación e os concellos beneficiarios. "Estamos xa traballando para poder sacar a adxudicación o resto das accións contempladas nestes dous proxectos", sinalou Carmela Silva.

audios

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 14 resultados.