Arrancan os traballos para executar cunetas transitables en estradas provinciais en Silleda

Os traballos derivados do Acordo Marco da Deputación para instalar estes elementos de seguridade nas zonas nas que resulta imposible gañar sobreanchos comezaron na EP-6501 Grava-Escuadro e continuarán noutros tres viarios deste concello

27/04/2023

Cuneta Transitable EP-6501 en Silleda

A Deputación de Pontevedra vén de iniciar as obras de instalación de cunetas transitables na EP6501 Grava-Escuadro ao seu paso polo municipio de Silleda, actuacións derivadas do Acordo Marco para dotar destes elementos de seguridade ás estradas da rede provincial naqueles puntos nos que resulta imposible realizar sendas ou plataformas únicas por dificultades técnicas. Neste concello executaranse tamén novas cunetas de seguridade en distintos puntos quilométricos doutros tres viarios provinciais: a EP6515 Senra-Escuadro, a EP6509 Escuadro-Silleda e a EP6510 Lamela-Moalde-Senra.

As primeiras actuacións adxudicadas neste Acordo Marco tiveron en conta as prioridades dos concellos e, deste xeito, vaise actuar nos vindeiros meses nun total de 77 estradas provinciais en medio cento de concellos, cun investimento de 1,9 millóns de euros. A instalación destas cunetas supón unha aposta pola seguridade viaria e por potenciar que as persoas poidan transitar polas beiras dos viarios provinciais con total seguridade naqueles tramos nos que os muros, as vivendas ou as circunstancias orográficas impiden ampliar a plataforma.

A través do acordo marco dividiuse a provincia en tres zonas (norte, centro e sur) e, en concreto, na zona norte executaranse estas melloras por 665.125€ en 20 estradas ao seu paso por Lalín, Dozón, Rodeiro, Agolada, Vila de Cruces, Silleda, A Estrada, Cerdedo-Cotobade, Forcarei, Caldas, Cuntis, Valga e Catoira. No que se refire á zona centro, haberá un investimento de 738.228€ en 38 estradas provinciais que transcorren por Pontevedra, Ponte Caldelas, A Lama, Cerdedo-Cotobade, Barro, Poio, Cangas, Moaña, Marín, Bueu, Redondela, Caldas, Moraña, Campo Lameiro, Cuntis, Cambados, O Grove, Sanxenxo, Meaño, Meis, Ribadumia, Vilagarcía e Vilanova de Arousa.

E na zona sur da provincia investiranse 595.972€ en 19 estradas provinciais que discorren por Nigrán, Baiona, Gondomar, O Porriño, Salceda, Mos, Tui, Tomiño, Oia, O Rosal, Ponteareas, As Neves, Mondariz, A Cañiza, Covelo, Arbo e Crecente. As obras que se realizarán consistirán na execución de cunetas de seguridade, a colocación de tubaxes para drenaxe dos viarios, execución de arquetas e recrecido de pozos

As cunetas teñen anchos de entre un e dous metros e pola súa escasa pendente permiten camiñar por enriba delas con total normalidade polo que, na práctica, habilitan itinerarios peonís cómodos e seguros. Con estas actuacións, estanse substituíndo paulatinamente as vellas cunetas, moi profundas e ademais pouco funcionais pola súa tendencia a cegarse, por este tipo de elementos  transitables, nos que a drenaxe lonxitudinal das estradas combínase coa habilitación dun espazo adicional para o paso de peóns e ciclistas. Cando é necesario tamén se instalan tubaxes de drenaxe debaixo destas estruturas para garantir a correcta absorción das augas pluviais. 

Galerias de imaxes

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 4 resultados.