“Degusta Europa” fai unha nova parada no mercado de Pontevedra para achegar á veciñanza o mellor da gastronomía europea con produtos locais

As persoas que se achegaron ata o mercado municipal puideron probar de primeira man o menú elaborado polo alumnado do CIFP Carlos Oroza con influencias de República Checa, Países Baixos, Bélxica e Irlanda

20/05/2022

Degusta Europa Pontevedra

República Checa, Países Baixos, Bélxica e Irlanda estiveron moi presentes esta mañá no mercado municipal de Pontevedra. Fixérono a través das propostas gastronómicas do programa “Degusta Europa” da Deputación de Pontevedra que elaborou o alumnado do CIFP Carlos Oroza, baseadas en pratos típicos deses países reinventados con produtos de quilómetro cero. Á cita coa gastronomía europea, que recala en Pontevedra despois de pasar polo Grove e Mondariz, asistiron, ademais de numerosos veciños e veciñas da cidade, as e os deputados Raquel Giráldez, Gregorio Agís e Manuel González, ademais da concelleira Yoya Blanco e o concelleiro Iván Puentes.

Desta maneira, tiveron a oportunidade de degustar elaboracións como a sopa de Goulash de tenreira con pan de manteiga, un guiso típico da República Checha; o maatjesharing dos Países Baixos, feito con arengue mariñado, e as moules frites, os mexillóns típicos de Bélxica servidos con patacas fritidas. Para  beber, os e as alumnas do CIFP Carlos Oroza elaboraron un cóctel Black Velvet, moi propio de Irlanda e elaborado con cervexa negra e sidra, ámbalas dúas bebidas de orixe galego.

O periplo de “Degusta Europa” polos mercados da provincia de Pontevedra continuará o próximo martes, 24 de maio, en Gondomar. As dúas últimas citas serán no mercado do Progreso de Vigo (26 de maio) e na Guarda (31 de maio). Todas as degustacións terán lugar ás 11.00 horas e, neste caso, será o alumnado do CIFP Manuel Antonio de Vigo quen se encargará de elaborar as propostas gastronómicas.

Nos tres mercados poderán degustarse as mesmas tapas con orixe europea: cunca da horta de cabeza asada; escuma de patacas e aire de ceboliño; tosta de cabala afumada; risotto cremoso de grelos con brochetas de galiña; desfiado de porco a baixa temperatura en pan de pita; tirabuzóns de calamar corcantes sobre produtos da terra; vasiño de iogur e crema de marmelo; enreixado de cabelo de anxo; melindres e torta das Rías Baixas.

Cabe lembrar que este programa, que comezou en 2016, percorreu en anteriores edicións 14 concellos de toda a provincia de Pontevedra, servindo en total máis de 13.000 tapas. No 2020, por mor da pandemia, a celebración trasladouse ao entorno online, a través da publicación de receitas dos CIFP Carlos Oroza e Manuel Antonio, así como de vídeos de cociñeiras e cociñeiros galegos moi recoñecidos.

 

Galerias de imaxes

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 11 resultados.