A veciñanza de Cambados desfruta das máis de 800 tapas que reparte o programa “Degusta Europa” da Deputación na praza de abastos da vila

O programa gastronómico continuará mañá, 21 de abril, en Pontevedra, o mércores 26 en Tui, o mércores 3 de maio en Baiona e rematará o xoves 4 de maio en Vigo

20/04/2023

Degusta Europa Cambados

O programa da Deputación “Degusta Europa” aterrou hoxe na Praza de Abastos de Cambados, onde a veciñanza da vila e as persoas traballadoras do mercado municipal desfrutaron de máis de 800 tapas elaboradas polo alumnado do CIFP Carlos Oroza con produtos da provincia de quilómetro cero. Zamburiña gratinada, mexillóns á crema, larpeira de sobremesa, e ponche de Sansón e queimada 4.0, para beber, foron as tapas que compuxeron o menú que o alumnado do centro de formación profesional pontevedrés deseñou para a ocasión.

Degusta Europa” trátase dunha iniciativa impulsada pola Deputación para conmemorar o Día de Europa, que se celebra cada 9 de maio para conmemorar a firma da “Declaración de Schuman”. O obxectivo principal desta iniciativa é poñer en valor os produtos de quilómetro cero da provincia e dinamizar os mercados e prazas municipais para darlles un toque de innovación e vangarda gastronómica da man do alumnado e o profesorado dos centros Carlos Oroza de Pontevedra e Manuel Antonio de Vigo. A edición deste ano está ligada á campaña de turismo “Orixe Rías Baixas” e pretende render unha homenaxe á gastronomía das avoas da provincia, recuperando receitas tradicionais e reinterpretándoas con produtos locais para defender o patrimonio inmaterial dos pobos da Unión Europea: a gastronomía.

En Cambados todas as elaboracións foron preparadas polo alumnado do CIFP Carlos Oroza, que foi tamén o encargado dos menús da cita de Redondela, que tivo lugar onte, e da de Pontevedra, que será mañá, venres 21 de abril. Pola súa banda, o CIFP Manuel Antonio de Vigo preparará as degustacións dos outros tres mercados municipais que participan nesta edición de “Degusta Europa”: Tui (26 de abril), Baiona (3 de maio) e Vigo (4 de maio).

Galerias de imaxes

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 12 resultados.