O Pazo de Mos acollerá unha nova actuación do programa “Música no Ar” da Deputación

A soprano Loli Crespo e o pianista Alejo Amoedo serán protagonistas do recital que se celebrará o sábado 30 de xullo no marco da programación “Con-Fiando Cultura”

20/07/2022

O Pazo de Mos  acollerá o sábado 30 de xullo, as 21.30 horas, unha nova sesión do programa “Música no Ar” que a Deputación ten en marcha co obxectivo de levar a música clásica a espazos patrimoniais da provincia como pazos, mosteiros, igrexas, bens de patrimonio industrial, conxuntos etnográficos e espazos protexidos cheos de maxia e historia. As persoas interesadas en acudir a esta cita poderán asistir ser reserva, xa que a entrada é libre ata completar aforo.

O recital estará protagonizado polo dueto formado por Loli Crespo, soprano lírica, que estudou canto no Conservatorio Profesional de Música de Vigo e Alejo Amoedo, pianista, especializado no repertorio de compositores galegos. Xuntos interpretarán “Baladas e zarzuelas galegas: os nosos poemas sobre músicas únicas”, un concerto no que atoparán obras de poetas como Rosalía de Castro, Aureliano Pereira, Salvador Golpe, Manuel Curros Enriquez, Ramón Cabanillas, Ramón Otero Pedrayo ou o trobador medieval Martín Códax.

“Música no Ar”, enmarcado no amplo programa da Deputación, “Con-Fiando Cultura” ten como meta promover e garantir o acceso igualitario á cultura para todos e todas, amais de por en valor espazos da memoria, da arte e da identidade. 

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 11 resultados.