A Deputación destina 40.000 euros ao novo local da banda de gaitas de Forcarei no Auditorio de Soutelo

A actuación finánciase a través de remanentes acadados no Plan Concellos, e permitirá reparar patoloxías presentes no edificio multiúsos de Soutelo desde a súa construción

18/06/2023

A Deputación de Pontevedra vén de aprobar unha achega de máis de 39.000 euros ao Concello de Forcarei a través do Plan Concellos para financiar a mellora dos espazos no Auditorio de Soutelo, unha actuación de grande importancia social xa que permitirá que a Banda de Gaitas de Forcarei conte cun local propio para os seus ensaios nas instalacións desta dotación cultural da vila. A actuación consistirá nunhas obras de mellora de habitabilidade deste espazo, que conta con dous andares con accesos directos desde o exterior e desde o soto e cunha superficie duns 3.200 m2.

Na actualidade, o inmoble multiúsos de Soutelo presenta patoloxías debido á estanquidade das cubertas e á canalización de augas pluviais, cuestións que xa levan sucedendo desde o momento de construción do edificio e que serán tratadas a través da intervención financiada pola Deputación de Pontevedra. Cos traballos repararanse as patoloxías presentes nas tres zonas da cuberta do edificio: auditorio, multiúsos e Centro Etnográfico de Terra de Montes, eliminaranse as humidades interiores e procederase á corrección parcial da reverberación no hall mediante cortinas acústicas.

No caso do novo espazo para a Banda de Gaitas acometeranse as seguintes actuacións: acometida das instalacións de electricidade e iluminación, reparación das humidades, pintura e trasdosados, reparación da escaleira interior, instalación dunha quenlla de recollida de augas de superficie na porta de entrada, axuste e mellora hermética da carpintería exterior, instalación de vinilos na cristaleira de entrada e mais a dotación de mobiliario básico.

A mellora dos espazos no edificio multiúsos de Soutelo de Montes recibe unha axuda de 39.052,75 euros e é posible grazas aos remanentes acumulados polo Concello de Forcarei noutras actuacións financiadas con cargo ao Plan Concellos, e que supuxeron un aforro ao concello. Trátase, concretamente, da iluminación do campo de fútbol de Forcarei, da mellora de camiños de acceso en Rabadeiras e da mellora da vía e das marxes entre Graña de Umia e Xestoso.