A Deputación lanza “DepoActívate” a intensa e ampla programación deportiva para 2022

O investimento ascende este ano a 4 millóns de euros. Amais das liñas de subvencións, todas xa en marcha, volven actividades propias e patrocinaranse ata 10 grandes eventos

22/04/2022

A Deputación de Pontevedra lanza a “intensa e amplísima” programación deportiva para o 2022 baixo o nome de “DepoActívate”, un ano máis da man da Axenda 2030 e con cinco eixos fundamentais entre os que se atopan o turismo activo, a economía sustentable, os grandes eventos, a saúde e a natureza e a igualdade. O programa inclúe actividades propias, o patrocinio de ata dez grandes eventos deportivos e as liñas de subvencións que en conxunto superan un investimento de máis de catro millóns de euros. “Somos -tal e como asegurou a presidenta Carmela Silva- a administración pública que máis recursos propios aporta ao deporte en Galicia, con iniciativas tan innovadoras que nos converten na provincia do deporte”.

Entre xuño e setembro a Deputación lanzará actividades propias como as Depo Andainas, o programa Depo Orienta, as DepoRutas BTT e o programa Depo Auga, todas elas iniciativas que teñen colleitado unha altísima afluencia de participantes ao longo dos últimos anos. As Depo Andainas, camiñadas que discorren polos puntos máis emblemáticos da provincia, terán lugar neste 2022 pola ruta do Cabo Silleiro (Baiona), a ruta do Río Eifonso (Meis), a ruta do Mosteiro (Oia) e a ruta do río San Mariño (Valga). No que respecta ao programa Depo Orienta, percorrerá neste 2022 os concellos de Cambados, Cuntis e Tui. Pola súa banda as DepoRutas BTT chegarán este ano á ruta BTT da Vía Verde (Vilagarcía), á ruta BTT Lamprea do Río Miño (Arbo) e á ruta BTT Serra do Candán (Forcarei). Xa no que respecta ao  programa Depo Auga, que naceu o pasado ano como experiencia única de pádel surf e kaiak, estenderase polas Neves, a Illa de Tambo en Poio, s Salinas de Ulló en Vilaboa e a Illa de Arousa.

Amais destas actividades propias, a Deputación de Pontevedra está a patrocinar neste 2022 ata dez grandes eventos aos que destinará 300.000 €. Iniciativas que xa se desenvolveron como “O Gran Camiño”, a “Copa España Cofidis Feminina de Ciclismo” ou o “World Travel Tour” e outras moitas en marcha como a “Trail League Pontevedra”, que comezou no Rosal en marzo e continuará en maio no Monte Aloia (Tui) e en novembro no Tegra (A Guarda); a “II Gold River Race”, competición de kaiak de longa distancia similar ao descenso do Sella que desenvolverá unha das súas etapas pola provincia (Crecente-Arbo-As Neves-Salvaterra); a “4Picos”, que terá lugar no seu formato Bike a partir do 14 de maio pola costa Atlántica e en Road a partir do 26 de xuño; “Epic Race”, que terá lugar o 4 de xuño; o “Verán Deportivo”, que encherá de deportes de praia os arenais da provincia en xullo e agosto; a “Costa Atlántica”, proba de MTB que terá lugar a partir do 23 de setembro; e o “VIII Congreso Internacional de Adestrador@s de piragüismo de augas tranquilas” que terá lugar en outubro tamén na provincia.

Liñas de axudas e políticas de igualdade no deporte

A presidenta, acompañada do deputado de deportes Gorka Gómez, aproveitou a ocasión para explicar que todas as liñas de axudas no 2022 no ámbito deportivo saíron xa publicadas no primeiro trimestre do ano. “Cada ano –asegurou - somos aínda máis eficientes para que os clubs poidan coñecer axiña as súas posibilidades económicas á hora de competir e organizar grandes eventos”. Así detallou, como exemplo, que os clubs de elite da provincia teñen xa recibido a súa axuda nominativa que ascende aos 801.000 €. Xunto a estas achegas tamén están xa publicadas outras subvencións de deportes, que en conxunto suman máis de 3,5 millóns de euros, como as axudas ás federacións para as escolas deportivas (351.500 €), as axudas para a organización de actividades deportivas (250.000 €), as destinadas aos clubs deportivos que participan en competicións de ámbito nacional (800.000 €), as dirixidas aos clubs que participan en competicións de ámbito inferior a nacional (625.000 €), as de deporte náutico (500.000 €) e as destinadas aos DepoDAN e DepoPromesa (250.000 €).

Amais a estratexia no ámbito deportivo ten un firme compromiso coa igualdade. “Desde que chegamos á Deputación –asegurou Carmela Silva- tivemos moi claro que era un obxectivo prioritario xerar igualdade de oportunidades para as mulleres deportistas”. Neste eido, recordou que as actividades deportivas propias da institución provincial teñen todas “unha mirada violeta”, que as liñas de subvencións establecen un criterio de valoración específico para o deporte feminino e que este ano creouse unha nova liña de axuda para impulsar a formación de técnicas e adestradoras e “fomentar, así, que poida haber mulleres que dirixan e adestren clubs, que teñan unha presenza activa na toma de decisións no mundo do deporte”.

Galerias de imaxes

audios

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 15 resultados.