O programa SmartPeme da Deputación oferta esta semana catro novas accións formativas

O programa de asesoramento tecnolóxico impartirá accións en ciberseguridade, fabricación dixital e  rexistro de viaxeiros

07/05/2023

A Deputación de Pontevedra, a través de SmartPeme, oferta catro novas accións formativas para esta semana, enmarcadas na súa carteira de obradoiros online e presenciais. As accións tratarán temas como o malware, impresoras de filamento, as novas obrigacións para o rexistro de persoas viaxeiras ou debuxo en 3D con Onshape II – PartStudio II.

O primeiro curso da semana será este luns 8 ás 10:00, e estará impartido de xeito telemático por Manuel Freire, experto universitario en Robótica, Programación e Impresión 3D. “Ciberseguridade, que é o Malware” ten como obxectivo dar a coñecer ás e aos asistentes que é o malware, os distintos tipos que empregan as e os ciberdelincuentes e como saber se estamos infectados ou como nos temos infectados dun malware.

A fabricación dixital terá sesión dobre esta semana cunha acción formativa o martes 9 sobre “Impresoras de filamento” e outra o xoves 12 centrada no “Debuxo en 3D con Onshape II – PartStudio II”. Ambos talleres forman parte dun obradoiro mixto no que haberá formación en liña e prácticas presenciais no Fab Lab do Centro Provincial de Economía Dixital no Viveiro de Empresas de Barro. Este curso, impartido tamén por Manuel Freire, consta dunha formación teórica de 30 horas e doutra práctica de 20 horas co obxectivo de dar ao asistente a capacidade de deseño e fabricación dunha peza en 3D.

O mércores 10 pola mañá, o socio da empresa Partee e graduado en Enxeñería pola Universidade de Vigo, Víctor José Longo Rodríguez, exporá de xeito telemático as “Novas obrigacións para o rexistro de persoas viaxeiras no 2023”, onde se dotará ás e aos asistentes das diferentes ferramentas dixitais dirixidas aos aloxamentos para cumprir coas novas obrigacións de identificación de hóspedes ante as autoridades que establece a normativa.

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 6 resultados.