A Deputación habilita novos recursos para aumentar a ciberseguridade das empresas turísticas
A institución provincial pon en marcha unha ferramenta informática de autodiagnose e un manual de boas prácticas ao abeiro do proxecto “Tourist Inside II”. A iniciativa conta con financiamento de fondos europeos Next Generation
18/09/2023
A Deputación de Pontevedra acaba de activar novas medidas para axudar as pemes e emprendedores do sector turístico da provincia a impulsar a súa transformación dixital segura no marco do programa “Tourist Inside II”. A través desta iniciativa, coa que a institución provincial mobilizará 18.000 euros, as empresas de turismo poderán beneficiarse dunha ferramenta para a autodiagnose dos seus riscos en materia de ciberseguridade e mais dunha guía de boas prácticas.
Esta actuación, cunha duración estimada de tres meses, comezará cunha análise das necesidades do sector turístico da provincia (coñecemento da normativa, seguridade dos dispositivos, capacitación e concienciación do persoal, procesos e funcións de xestión de acceso, e coñecemento de actuación ante incidentes de seguridade). En función dos resultados obtidos, realizaranse posteriormente a ferramenta ou sistema de autodiagnose da ciberseguridade das súas contornas dixitais e a guía ou manual de boas prácticas.
A autodiagnose estará dispoñible no sitio web de Turismo Rías Baixas, no menú “Profesionais do Turismo”, para os sistemas Windows, macOS, Android e iOS. Será un exercicio práctico amigable para que as pemes, micropemes e autónomos do sector –que contan con menos recursos para implantar medidas de ciberseguridade– poidan detectar os seus riscos a través dun sistema tipo test online (ou similar) que fomentará a aplicación de medidas de seguridade nos seus negocios. O sistema analizará as ameazas, vulnerabilidades, controis e usos adecuados dos seus medios para que reflexionen sobre os seus activos críticos e dispoñan de información sobre como abordar a súa protección.
Dado que a linguaxe de ciberseguridade adoita ser complexa para o público non especializado, un dos obxectivos da guía de boas prácticas será resolver as dúbidas que lles poidan xurdir durante o proceso. O documento incluirá un glosario e contidos relativos á ciberseguridade aplicada ao sector, principais ameazas en diferentes dispositivos e medidas aplicables a cada un.
“Tourist Inside II” é un programa da Deputación de Pontevedra que busca acompañar a actividade turística da provincia na súa transformación dixital, mellorando a súa eficiencia enerxética e realizando unha vixilancia tecnolóxica. Está financiado pola Unión Europea, cos fondos Next Generation, concretamente no programa de axudas á transformación dixital e modernización das entidades locais que forman parte da Rede de Destinos Turísticos Intelixentes.