A Deputación ofrecerá unha experiencia interactiva ás e aos turistas que se acheguen á Estrada e Silleda da man de Tourist Inside

Balizas electrónicas de transmisión de información ou totems explicativos son algúns dos recursos tecnolóxicos que se instalarán nestes concellos do Deza de cara a un novo modelo de turismo dixitalizado

21/08/2022

PI Carboeiro

O proxecto Tourist Inside, promovido pola Deputación de Pontevedra, posibilitará a promoción de experiencias interactivas nos distintos concellos que contan con puntos de información turística da Rede de Oficinas Info Rías Baixas. A esta rede están adheridas a oficina de turismo da Estrada e o Punto de Información Turística de Carboeiro, en Silleda. Ata estes lugares desprazouse a deputada de Turismo, Ana Laura Iglesias, quen visitou as instalacións acompañada de representantes de ambas corporacións municipais. En ambas visitas a deputada provincial deu conta das melloras que suporá o proxecto Tourist Inside, que conta con financiamento europeo xestionado polo Goberno do Estado, mediante o cal as tecnoloxías da información e a comunicación optimizarán a satisfacción das e dos visitantes.

A oficina da Estrada contará cunha pantalla de 55 polgadas no seu interior na que se divulgarán contidos de interese turístico de Pontevedra provincia así como cun tótem no que tamén se proporcionará información do destino. Do mesmo xeito instalarase unha tableta na que as persoas visitantes poderán realizar enquisas de satisfacción. Ademais, en 29 puntos do concello disporanse “beacons”, sistemas baseados en balizas electrónicas que transmiten información de interese aos móbiles das e dos visitantes a través de bluetooth. Esta oficina conta coa “Q” de Calidade turística dende hai dous anos, un distintivo que outorga o Instituto para a Calidade Turística Española (ICTE) e que converte á oficina nunha referencia na atención aos visitantes, dado o grao de cumprimento dos estándares e procedementos certificados.

A Deputación acometerá tamén melloras que axudarán ás e aos visitantes de Silleda a desfrutar dos recursos turísticos que ofrece este concello do Deza. Neste senso, instalaranse 16 “beacons” por todo o concello e colocarase un tótem con información do destino no centro de Silleda. Con todas estas medidas a Deputación está a mudar o clásico modelo de atención a persoas visitantes de cara a un modelo que se apoia nas novas tecnoloxías e na interconexión da Rede Info Rías Baixas para ofrecer ás persoas visitantes todas as posibilidades.

2.145 visitantes no que vai de ano
As instalacións que a Rede Info Rías Baixas ten na comarca do Deza rexistraron no que vai de ano 2.145 persoas visitantes. As e os que se achegaron á oficina de turismo da Estrada -aberta ao público no mes de xullo- foron principalmente de nacionalidade española (90,27%) e procedentes de Pontevedra provincia, Badaxoz ou Madrid. Ademais, entre as e os turistas estranxeiros (o 9,73% restante)  sobresaen as e os chegados de Arxentina e Francia.

Por outra banda, entre as persoas que solicitaron información no Punto de Información Turística de Carboeiro destacan as persoas de nacionalidade española (94,24%). A meirande parte delas chegaron dende a propia provincia de Pontevedra (46,3%) así como doutros puntos como Madrid ou A Coruña. Por outra parte, entre as e os turistas estranxeiros que se achegaron ata este punto situado en Silleda (o 5,76% restante) destacan as e os procedentes de Francia ou Estados Unidos.

A Rede Info Rías Baixas é un modelo de éxito que conta con 33 oficinas adheridas e espalladas por toda a provincia de Pontevedra. Foi creada hai catro anos pola Deputación de Pontevedra para garantir un servizo de atención de calidade nas oficinas de turismo da provincia, ás que dota de máis medios, de novas tecnoloxías e dunha imaxe unificada a fin de mellorar o grao de satisfacción dos e das visitantes.  

Galerias de imaxes