2025

Xornadas Profesionais Escena Galega

Accesibilidade e inclusión nas artes escénicas:
construíndo experiencias accesibles desde o primeiro clic ata a butaca

As Xornadas Profesionais Escena Galega son, desde hai máis de 15 anos, o único foro estable de reflexión e debate do sector das artes escénicas profesionais galegas. Este 2025 organízaas por primeira vez a Deputación de Pontevedra e tratarán unha nova liña estratéxica de traballo da Asociación Galega de Empresas de Artes Escénicas, entidade que abrangue na actualidade 61 compañías produtoras de teatro, danza, novo circo e ilusionismo.


A comezos deste ano a asociación crea o Grupo de Traballo de Accesibilidade e Inclusión, coa finalidade de servir como espazo de asesoramento a compañías e outros axentes do sector escénico profesional para implantar medidas efectivas de accesibilidade e inclusión.
Unha das liñas de traballo deste grupo é a formación desde diferentes enfoques. Por unha banda, de tipo xeral, para coñecer aspectos como a lexislación que nos afecta, a diversidade de colectivos de persoas implicadas e as medidas que debemos tomar como creadoras e creadores. Por outra, cun enfoque máis concreto, traballando casos específicos para facer efectiva a accesibilidade e a inclusión nas artes escénicas profesionais.

Con esta xornada damos un paso máis para comprender como é a realidade das persoas con discapacidade, centrándonos, co obxectivo de que a cita teña tamén un enfoque práctico e efectivo, no colectivo de persoas con discapacidade visual e baixa visión, algo que nos permitirá dotarnos das ferramentas necesarias para non discriminar esta importante porcentaxe de público.

Facer os nosos proxectos culturais e escénicos accesibles a todas as persoas, por riba das súas capacidades e discapacidades, e abrir ao mesmo tempo a participación na actividade cultural e escénica tamén a todas as persoas, sen excepción, é un obxectivo común que nos debe unir como sector e Administración.

  • Data: martes 17 de xuño de 2025 
  • Espazo: salón de plenos do Pazo provincial da Deputación (avenida de Montero Ríos, s/n, 36071 Pontevedra)
  • Horario: de 10:00 a 19:30 h
  • Sesión de mañá
  • Sesión de tarde
  • Número máximo de prazas: 80
  • Destinatarios da actividade: profesionais das artes escénicas; compañías, xestoras e xestores, distribuidoras e distribuidores, produtoras e produtores e, en xeral, persoas interesadas no traballo en accesibilidade e inclusión dentro das artes escénicas profesionais.
  • Contarase con intérprete de lingua de signos
  • Conceptos e ideas centrais
    • #Accesibilidade
    • #Inclusión
    • #ArtesEscénicas
    • #Discapacidade
    • #TomarConciencia
    • #DereitosCulturais
    • #PúblicoDiverso
    • #EscenaAccesible
  • Obxectivos
    • Expoñer experiencias desenvoltas nos últimos anos nas artes escénicas en materia de accesibilidade e inclusión.
    • Levar a cabo un achegamento efectivo ás persoas con discapacidade visual e baixa visión como público das artes escénicas.
    • Establecer os alicerces sobre como deseñar a comunicación para as persoas con discapacidade visual e baixa visión.
    • Aprender de xeito práctico a deseñar un paseo táctil enfocado a persoas con discapacidade.
    • Aprender os fundamentos básicos do que é unha audiodescrición e como implementala.
  • Inscrición

PROGRAMA

  • De 10:00 a 10:15 h
    • Chegada das persoas inscritas
  • 10:15 h Benvida institucional
    • Luis López, presidente da Deputación de Pontevedra
    • Patricia de Lorenzo, presidenta de Escena Galega-Asociación Galega de Empresas de Artes Escénicas
  • Sesión de mañá: relatorios, experiencias e presentacións
  • Sesión de tarde: obradoiros prácticos
    • De 16:30 a 17:30 h
      • Un Paseo Táctil polo Teatro, obradoiro de deseño dun paseo para persoas con discapacidade visual
      • Imparte: Julia Fernández-Nieto Pons, técnica de rehabilitación da ONCE
    • De 17:30 a 19:30 h
      • Obradoiro sobre deseño e implementación de audiodescrición co programa QLAB
      • Imparte: Borja Fernández, actor, creador escénico e técnico especialista

participantes