Serie de
curiosidades
da Deputación de Pontevedra
Recompilación das curiosidades históricas e de xestión do Pazo provincial e da Deputación de Pontevedra
Vol. I: Pazo provincial
Pontevedra foi pioneira en incorporar a iluminación pública no ano 1888, a segunda cidade española en conseguilo tras Xirona. O Pazo provincial converteuse pouco despois nun dos primeiros edificios da cidade en ter luz eléctrica xunto coa casa do concello ou o Teatro Liceo...
Nos xardíns de Vincenti mantense activo un pozo artesán que leva máis dun século proporcionándolle auga ao Pazo provincial. Durante décadas deulle servizo ao edificio e agora emprégase para regar as zonas verdes que o rodean.
No último medio século este edificio avanzou en sostibilidade, se ben conservamos como un tesouro unha caldeira Roca de hai máis de 50 anos. A máquina que quenta hoxe o edificio foise adaptando aos tempos para seguir dando servizo.
No ano 1982 incorporouse un servizo de vixilancia integrado por seis gardas e dous pastores alemáns, Falco e Eros. Custodiaban o inmoble e contaban no soto cunha pía para o baño que aínda hoxe se conserva.
O edificio proxectado por Alejandro e Domingo Rodríguez Sesmero rematouse en 1890.
Vol. II: A sala de xuntas
Sabías que no Pazo temos unha sala que podería ser un museo? Esta é a sala de xuntas. Aquí realízanse reunións semanais do Goberno, pero ademais ten unha mesa central de case seis metros de longo. Imposible non reparar nela!
A alfombra procede da Real Fábrica de Tapices. E si, é xigante. Tamén hai dous tapices que penduran destas paredes desde hai máis de medio século.
E ollade estas marabillas! Son dous floreiros fabricados en Austria. Miden 1,25 metros e son de comezos do século xvi. Fermosísimos!
Vol. III: 6 cameos da Deputación en películas e series
As series Los enviados, protagonizada por Miguel Ángel Silvestre, e El jardinero, rodáronse en Santa Clara. O antigo convento tamén aparecerá convertido en enfermería na película San Simón.
O Pazo provincial e a súa escalinata transformáronse nun escenario para Un asunto privado.
A película Los gozos y las sombras mostrou o Palacete das Mendoza en todos os fogares de España.
Na primeira película sobre Castelao, Antes de Nós, vense os edificios do Museo de Pontevedra.
Vol. IV: Benestar animal
O CAAN é un centro de acollida e protección animal da Deputación de Pontevedra que dá solución aos problemas de abandono que sofren os concellos de menos de 50.000 habitantes.
A maioría das adopcións son exitosas porque traballamos e nos preocupamos de cubrir as necesidades tanto do animal coma das persoas.
Aquí se inicia o proceso de revisións, desparasitacións e a identificación mediante microchip.
Unha vez que pasan os dez días, que é o período legal establecido pola Lei de benestar animal, o animal esterilízase e, unha vez feito isto, xa pode saír en adopción.
Desde o 2013 ata agora a sociedade foi evolucionando. Non é suficiente, temos que seguir traballando niso, pero si foi mudando: a concienciación da cidadanía é maior en relación co benestar animal, hai unha maior preocupación e sensibilización.
Vol. V: Un paseo por Pontevedra
Paseamos por Pontevedra a través dos edificios da Deputación.
Comezamos no Edificio Castelao do Museo de Pontevedra e continuamos polo Arquivo. Seguimos a andaina polo Edificio Sarmiento, o García Flórez ou o Fernández López nas portas da Ferrería.
Deixámonos sorprender pola monumentalidade do antigo convento de Santa Clara, un espazo pendente de reforma para reabrilo á cidadanía. En escasos cinco minutos a pé chegamos ás Ruínas de San Domingos, o edificio máis antigo do museo. Sabías que é monumento nacional desde 1895?
Na praza de Santa María atopamos o Palacete das Mendoza, que fai 20 anos como sede de Turismo Rías Baixas. O edificio, vinculado á familia Méndez Núñez, é obra de Alejandro Rodríguez Sesmero, coma o Pazo provincial. A sede central da Deputación en Montero Ríos abriu ao público a finais de 1890 e non sería ata 2011 cando, por necesidade de espazo, se inaugurou o Edificio Administrativo na antiga Delegación de Educación, a escasos metros do Pazo.
Vol. VI: Escola de futuras e futuros gandeiros
Sabiades que a Deputación de Pontevedra conta cunha escola para formar futuras e futuros gandeiros?
Está na Finca Mouriscade. Nela participan rapazas e rapaces desde os 8 aos 25 anos, onde coñecen o traballo que se realiza nunha explotación profesional e se inician no manexo para concursos. A súa xornada comeza ás 8 da mañá.
"O que máis me gusta da escola de gandeiros é estar cos animais. Gústame manexar as vacas. Cortarlles o pelo, facerlles as camas e pasealas".
Mouriscade volverá enviar representantes ao certame de manexo de gando máis prestixioso do continente, o Young Breeders School, que se celebra en Bélxica e no que compiten en grupos varios países.
"Aquí preparámonos facendo as mesmas actividades que se van facer alí. Entre todas e todos garantimos o futuro do noso rural."
Vol. VII: Xardín de camelias
Sabes que a Deputación ten un xardín de camelias con nome de muller?
Está no castelo de Soutomaior e trátase dunha homenaxe a mulleres ilustres da nosa historia, da ciencia ou da arte. Juana de Vega, Rosalía de Castro, Sofía Novoa, María Casares ou Emilia Pardo Bazán son algunhas das mulleres que lles dan nome ás camelias deste particular xardín.
Son variedades rexistradas tras máis dunha década de traballo na Estación Fitopatolóxica Areeiro.
O proxecto arranca en 2020 coa plantación da primeira camelia da familia de Juana de Vega e María Vinyals, e desde entón non pararon de crecer.
Vol. VIII: O mapa de Domingo Fontán
Coñeces a gran fazaña de Domingo Fontán? A Cartoteca provincial conserva exemplares do primeiro mapa topográfico galego, a Carta geométrica de Galicia de Domingo Fontán.
O matemático de Portas dedicou case dúas décadas da súa vida a percorrer Galicia a cabalo para completar as súas medicións.
A carta foi impresa en 1845 en París, en doce follas individuais debido ao seu tamaño. O mapa de Fontán é dunha exactitude sorprendente e non puido ser superado ata a chegada dos satélites á topografía, máis dun século despois.
Este traballo supuxo todo un fito de ámbito estatal, por ser o primeiro en empregar datos matemáticos reais.
Os restos do científico pontevedrés descansan no Panteón de Galegos Ilustres, xunto a Rosalía de Castro, Castelao e outras figuras fundamentais da cultura galega.
Vol. IX Curiosidades sobre a Deputación de Pontevedra
Nesta Deputación tendemos pontes cos concellos, con outras administracións e coa cidadanía.
Pero esta provincia tamén se caracteriza por ser unha terra de pontes para sortear os nosos ríos, as rías ou comunicar localidades.
Cantas das pontes máis singulares de Pontevedra coñeces?
Seguro que coñeces a de Rande, que coroa a ría de Vigo, unha das máis simbólicas das Rías Baixas.
Só na cidade de Pontevedra hai oito, que conforman a silueta da Boa Vila.
Se nos diriximos cara ao interior, imposible non reparar na impresionante ponte de Almofrei ou na de Ponte Sampaio. Destacan tamén a románica de Taboada sobre o río Deza e a medieval dos Remedios en Ponteareas. Xoias do patrimonio da provincia.
Quen non cruzou a ponte internacional de Tui de camiño a Portugal? como sería o núcleo urbano de Redondela sen os dous viadutos ferroviarios de finais do século xix? Son parte fundamental da historia da vila.
E temos tamén unha mocidade que promove en redes as estruturas colgantes de Calvelo, O Xirimbao ou Soutomaior.
A fisionomía da provincia e o seu desenvolvemento non serían iguais sen as súas pontes, desde a da Toxa ou a da Illa de Arousa ata a de Vermaña en Caldas de Reis.
Levamos no ADN o poder de cruzar pontes.
Vol. X Celebramos 40 anos
Este ano celebramos os 40 anos da creación do Padroado de Turismo Rías Baixas.
Nestas catro décadas moito cambiaron as Rías Baixas e a forma de promover o destino.
En 1989 publicouse a primeira guía provincial co castelo de Soutomaior na portada.
Os anos 90 serviron para consolidar a presenza das Rías Baixas nas feiras de turismo nacional e internacional.
A primeira web de Turismo Rías Baixas data de 1998, moi distinta da actual.
Co cambio de milenio estreamos logo para identificar a provincia e renovámolo no 2014 coa cor turquesa actual.
O ano 2004 foi determinante, xa que inauguramos unha sede propia no palacete das Mendoza.
O turismo consolídase como motor económico da provincia e comeza a modernización da estratexia de promoción. Aposta pola calidade a través dos distintivos SICTED. Incorporación dun observatorio de datos e proxectos de innovación.
O traballo duro deu os seus froitos e, na última década, o destino Rías Baixas avanzou na súa internacionalización ao tempo que as súas campañas acumulaban ducias de premios en festivais de todo o mundo.
Vivimos nun paraíso que cada vez conquista máis xente. Chegamos a 2025 acadando cifras récord de visitantes; por outros 40 anos promovendo esta terra única.
Lista de reprodución completa: Ver Playlist de YouTube