A Deputación inicia este martes a campaña de recadación voluntaria do Imposto sobre Actividades Económicas

O ORAL ten delegada a xestión tributaria e recadación en 51 concellos da provincia, e as persoas interesadas teñen de prazo ata o 3 de novembro para efectuar o pago

02/09/2025

A Deputación de Pontevedra acaba de poñer en marcha a través do ORAL a campaña de recadación do Imposto sobre Actividades Económicas (IAE) do exercicio 2025, cuxo pago poderá realizarse de maneira voluntaria ata o 3 de novembro. 51 concellos da provincia teñen delegada a xestión tributaria e a recadación no órgano da administración provincial, que xestionará un total de 5.947 recibos cun importe de 10 millóns de euros.

Os 51 concellos que teñen delegada a xestión do IAE no ORAL son Agolada, Arbo, Barro, Baiona, Caldas de Reis, Cambados, Campo Lameiro, Cangas do Morrazo, A Cañiza, Catoira, Cerdedo-Cotobade, Covelo, Crecente, Cuntis, Dozón, A Estrada, Fornelos de Montes, Gondomar, A Guarda, Lalín, A Lama, Meaño, Meis, Moaña, Mondariz, Mondariz-Balneario, Moraña, Mos, As Neves, Nigrán, Oia, Pazos de Borbén, Poio, Ponteareas, Ponte Caldelas, Pontecesures, O Porriño, Portas, Rodeiro, O Rosal, Salceda de Caselas, Salvaterra de Miño, Sanxenxo, Silleda, Soutomaior, Tomiño, Tui, Valga, Vilaboa, Vila de Cruces e Vilanova de Arousa.

O ORAL tamén lembra que as persoas interesadas poden consultar os rexistros relativos á súa débeda en cada un dos seus concellos ou, pola contra, nas oficinas do ORAL durante o período de exposición ao público, que rematará o próximo 2 de outubro. O abono pode realizarse a través dos diferentes medios de pago habilitados pola institución provincial: a través da Oficina Virtual Tributaria (OVT) da Deputación de Pontevedra-ORAL (ovt.depo.gal), a través da aplicación móbil de pagamentos da Deputación (dispoñible para iOS e Android), e tamén a través das canles das entidades bancarias colaboradoras (oficinas e caixeiros). No caso dos recibos domiciliados, a data de cargo en conta será o 3 de novembro.