A Deputación mobiliza máis de 1,3 millóns de euros para nove concellos da provincia

Con estas axudas da liña 1 do Plan Concellos Rodeiro, A Estrada, As Neves, Baiona, Soutomaior, Ponteareas, Fornelos, Nigrán e Bueu financiarán actuacións de mellora de infraestruturas e dotacións municipais

22/04/2022

A Deputación de Pontevedra vén de mobilizar un investimento de máis de 1,3 millóns de euros en novos recursos para garantir dereitos e servizos en nove concellos da provincia. En concreto, a Xunta de Goberno aprobou hoxe once achegas enmarcadas na liña 1 do Plan Concellos que ascenden a 1.359.008 € e beneficiarán a Rodeiro, A Estrada, As Neves, Baiona, Soutomaior, Ponteareas, Fornelos, Nigrán e Bueu para poñer en marcha actuacións de mellora de infraestruturas e dotacións municipais.

Rodeiro recibirá unha achega de 333.061 € para a pavimentación e reforma de firmes en camiños de Guillar, Riobo, Camba, Negrelos e Santa Baia de Camba. A Estrada beneficiarase de dúas axudas que suman 311.068 € e que permitirán pavimentar varías vías urbanas (243.883€) e substituír as carpintarías exteriores no Coto Ferreiro (67.185 €). As Neves tamén recibirá dúas achegas por valor de 238.104 € para a mellora da accesibilidade e seguridade viaria nos asentamentos de A Escaravelleira, A Carrasqueira e Pesqueixóns (118.994 €) e para a pavimentación de varios camiños municipais (119.110 €).

Pola súa banda Baiona beneficiarase dunha axuda de 217.114 euros para financiar a mellora da senda peonil en Baredo e Soutomaior contará con 206.364 euros para a pavimentación dos camiños de Barreiros, O Conde, Piñeiro e Rial. Amais Ponteareas recibirá 133.226 € para a renovación das plataformas elevadoras na praza de abastos e Fornelos de Montes financiará a pavimentación e construción dun muro de contención na estrada da Coruxeira e Alén Darriba, en Calvos, con 97.532 euros. Finalmente Nigrán destinará 90.168 € do Plan Concellos para cofinanciar a mellora paisaxística e o embelecemento da contorna da ponte románica da Ramallosa e Bueu contará cunha achega de 65.427 euros para a ampliación de nichos, columbarios e cinceiros no cemiterio de Beluso.

audios