A Deputación acomete a reparación das beirarrúas na EP-2802 no acceso a Calvos

A actuación, enmarcada no modelo de mobilidade sostible e segura, favorece a accesibilidade universal e a recuperación de espazo público para as persoas

02/12/2022

Calvos

A Deputación de Pontevedra vén de finalizar as obras de reparación das beirarrúas nun treito de 300 metros da EP-2802 de acceso a Calvos, no concello de Fornelos de Montes. O deputado provincial de Cooperación, Santos Héctor, visitou hoxe xunto ao alcalde da localidade, Emiliano Lage, estes traballos, que tiveron un orzamento de preto de 68.000 euros e supoñen a mellora dos itinerarios peonís en todo o ámbito de actuación.

De feito, as actuacións desenvolvidas neste tramo, na que existe unha circulación intensa por mor das vivendas e equipamentos, seguiron o modelo de mobilidade amable, segura e sostible que a Deputación está a implantar en toda a provincia, coa aposta pola accesibilidade universal e a recuperación de espazo público para as persoas.

Consistiron na demolición e levantamento dos pavimentos das beirarrúas que se atopaban en mal estado para executar no seu lugar un novo paquete de firme, así como na substitución dos bordos e a renovación da sinalización horizontal en todo o tramo das obras. Os traballos comezaron coa roza e limpeza e continuaron coa pavimentación e ganancia de espazo peonil, a execución do novo firme coordinada coa construción dos novos bordos de formigón e, por último, coa renovación da sinalización.

 

Galerias de imaxes

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 8 resultados.