A Deputación organiza este domingo unha actividade sobre oficios artesanais tradicionais no castelo de Soutomaior

O obradoiro permitiralles ás familias descubrir como era a economía tradicional galega

01/08/2023

A Deputación de Pontevedra organiza este domingo 6 de agosto ás 11:30 horas no Castelo de Soutomaior un obradoiro en familia para descubrir como era a economía tradicional galega. A actividade, que forma parte do programa “Mouras e Meigas no Castelo de Soutomaior”, consistirá nun taller no que as familias se converterán en artesás e coñecerán este oficio con tanta tradición traballando co liño, co barro ou coa lá. Ademais, terán a oportunidade de resolver problemas de iluminación con recursos naturais moi empregados no pasado, como a cera.

“Mouras e Meigas no Castelo de Soutomaior” é unha programación de 30 actividades que abrangue visitas teatralizadas, obradoiros, contacontos e roteiros para familias con nenos baseadas nas lendas, os oficios tradicionais e as tradicións da provincia. As familias pódense achegar á mitoloxía popular da provincia, aos xogos tradicionais, os oficios artesanais, os seres mitolóxicos ou tradicións coma os maios, as herbas de San Xoán, a vendima ou o Samaín. Ofértanse en total 360 prazas.

As entradas para esta actividade xa están esgotadas, así como as da próxima sesión, un taller infantil de cociña que terá lugar o sábado 19 de agosto. Aínda é posible acudir ao obradoiro de vendima o sábado 2 de setembro, á celebración do Samaín o sábado 28 de outubro, e ao Magosto o sábado 4 de novembro.

Ademais de “Mouras e Meigas no Castelo de Soutomaior”, a Deputación organiza este ano 68 sesións de visitas guiadas todos os luns e os venres ata finais de agosto. Tamén se celebrarán versións temáticas por Samaín en outubro (para persoas adultas os venres e os sábados de todo o mes, e infantís os sábados e os domingos) e polo Nadal (do 6 ao 10 de decembro). As entradas para todas as actividades están dispoñibles en entradas.castelodesoutomaior.com, a un prezo único de 8 € (que inclúen a entrada ao Castelo, valorada en 5 €), e cada actividade conta cun total de 30 prazas.

Ligazóns de interese

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 9 resultados.