A Deputación organiza este sábado no Castelo de Soutomaior un obradoiro infantil de cociña para elaborar queixo fresco

O obradoiro, para o que están todas as prazas esgotadas, permitirá á rapazada aprender a elaborar este produto cunha receita tradicional

17/08/2023

A Deputación de Pontevedra organiza este sábado 19 de agosto ás 11:30 horas no Castelo de Soutomaior un obradoiro infantil de cociña para recuperar a tradición da queixería da fortaleza na época da súa dona María Vinyals (finais do século XIX e principios do XX). A actividade, que forma parte do programa “Mouras e Meigas no Castelo de Soutomaior”, ten as prazas esgotadas.

A proposta consistirá nun taller no que a rapazada aprenderá a elaborar manteiga e queixo fresco cunha receita tradicional. No primeiro caso, os monitores iranlles guiando na forma de bater a nata ata separala, darlle forma e aromatizala para elaborar a manteiga. No que atinxe ao queixo, axudaranlles no proceso de ferver o leite con vinagre e sal para logo, unha vez callado, botalo nun pano e darlle forma. Todos os participantes poderán levar unha porción de manteiga ou o seu queixo para degustalo na casa. O taller está impartido pola empresa ‘Donde viven los Cuentos’.

“Mouras e Meigas no Castelo de Soutomaior” é unha programación de 30 actividades con visitas teatralizadas, obradoiros, contacontos e roteiros para familias con nenos baseadas nas lendas, os oficios tradicionais e as tradicións da provincia. As familias pódense achegar á mitoloxía popular da provincia, aos xogos tradicionais, os oficios artesanais, os seres mitolóxicos ou tradicións como os maios, as herbas de San Xoán, a vendima ou o Samaín. Ofértanse 360 prazas e neste momento tan só quedan entradas dispoñibles para a celebración do Magosto prevista o sábado 4 de novembro.

Ademais de “Mouras e Meigas no Castelo de Soutomaior”, a Deputación organiza este ano 68 sesións de visitas guiadas todos os luns e os venres ata finais de agosto. Tamén se celebrarán versións temáticas por Samaín en outubro (para persoas adultas os venres e os sábados de todo o mes, e infantís os sábados e os domingos) e polo Nadal (do 6 ao 10 de decembro). As entradas para todas as actividades están dispoñibles en entradas.castelodesoutomaior.com, a un prezo único de 8 € (que inclúen a entrada ao Castelo, valorada en 5 €), e cada actividade conta cun total de 30 prazas.

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 4 resultados.