#25N unha espectacular performance para rachar co círculo das violencias machistas enche de acrobacias a Deputación cun berro ao “desprezable” negacionismo

Carmela Silva: “Asasinar a mulleres é terrorismo de xénero e temos que seguir loitando cada día contra algo intolerable, que é que as mulleres estamos borradas dos dereitos humanos”

25/11/2022

25N Pontevedra

Unha impactante performance puxo hoxe imaxe na escaleira do Pazo Provincial ao círculo infernal que supón a violencia machista para as mulleres: desde o illamento que padecen as vítimas, o seu medo e impotencia e, por fin, a súa liberación e unión. Escenificárono mediante arriscadas acrobacias a compañía Delirium (Raquel Oitavén e Mercé Solé) e a actriz Mónica de Nut na primeira das accións da oitava edición de Violencia Zero, que supuxo o acto central do 25N en Pontevedra. A presidenta Carmela Silva, xunto ás deputadas e á escritora e xornalista  Montse Fajardo, volveu referirse ao asasinato de mulleres como “terrorismo de xénero” e a necesidade de “seguir loitando contra algo que é intolerable, que é que as mulleres estamos borradas dos dereitos humanos”. Unha hora despois, no pleno provincial, foi a profesora Azucena Arias a encargada de ler a declaración institucional da Deputación, na que subliñou que loitar contra a violencia de xénero “é unha causa colectiva sen exclusión, na que todas as mans son necesarias”.

A acción que puxo o arranque ao 25N no Pazo tivo como escenario a escalinata central, desde a que apareceron penduradas desde o teito Raquel Oitavén e Mercé Solé. Con espectaculares exercicios de acrobacia e baixo pétalos de flores e o son dos cánticos desgarradores de Mónica de Nut, as dúas artistas foron desprendéndose das súas ataduras (primeiro dun plástico que as envolvía e logo das cordas que as suxeitaban) para descender, nun camiño no que simulan tamén ser golpeadas, as tres xuntas ata o hall e a entrada principal do Pazo e mesturarse entre o público. Detrás da súa acción, está o padecemento das vítimas da violencia machista ata que conseguen liberarse e converterse en aliadas. Raquel Oitavén subliñou que as mulleres “temos forza e non imos de deixar de estar na fronte” e Mónica de Nut incidiu en que “a sociedade ten que camiñar para coidarnos e que o 25N debe servir de impulso para traballar cada día porque o problema é cada día, hora e segundo que pasa”.

Precisamente as alianzas fronte ao negacionismo conforman o lema co que a Deputación conmemora este ano o 25N e a iso referiuse Carmela Silva na súa intervención. “É difícil manter a calma –dixo a presidenta- cando escoitamos a persoas desprezables, que negan a violencia que padecemos as mulleres desde que nacemos. En España cada 8 horas hai unha violación. Millóns de mulleres no mundo sofren todo tipo de agresións, centos de miles en Europa, ducias de miles en Galicia, miles na provincia cada día viven no horror e no terror. Polo tanto, temos que poñernos enfronte dese desprezable discurso do negacionismo”.

Reivindicou que a sociedade “ten que levantarse fronte ao feito de que este ano van 38 mulleres asasinadas e 1.171 dende o 2003”. “Que pasaría  se os asasinados foran homes, se foran vítimas doutros terrorismos? Porque asasinar a mulleres é un terrorismo de xénero. Estaría a xente nas rúas berrando alto, dicindo basta. Pero as asasinadas son mulleres, está normalizada a violencia machista. E aínda que estamos tan fatigadas desta loita, non podemos parar. Temos que seguir loitando contra algo intolerable, como é que as mulleres non formamos parte  dos dereitos humanos”. A presidenta tivo palabras para todas as mulleres que padecen violencias “e non se renden nunca”, especialmente co exemplo da loita das mulleres iraníes,  “valentes que poñen en perigo a súa vida e son un exemplo para o mundo”: “Imos seguir traballando para que poidan vivir nunha sociedade democrática. Porque non é democrática  unha sociedade que nos maltrata, que nos violenta e asasina. E que estamos aquí, somos moitas e tecemos alianzas no feminismo fronte ao negacionismo. Por elas, por nós, por todas, Mulleres en Acción. Violencia Zero”

Pola súa banda, o manifesto do Concello de Pontevedra para o 25N que leu Montse Fajardo puxo o foco na necesaria implicación dos homes “quen verdadeiramente ten nas súas más acabar coa violencia machista, os homes que a exercen, alentan e a desculpan, pero tamén os que pensades coma nós, porque nas vosas mans e exemplo reside a posibilidade de orr3ecersllas as novas xeracións un modelo distinto de masculinidade”

Declaración institucional

25N Pontevedra

Tralo acto, no pleno da corporación provincial foi a profesora Azucena Arias a que leu a declaración institucional da Deputación neste 25N, que incide en que a violencia machista “non é un invento ideolóxico, como afirman perversamente os negacionistas, senón unha dramática realidade”, con datos aterradores, entre eles o aportado desde o Sistema Viogén que sinala que desde outubro de 2007 ata este ano xestionouse información sobre 629.789 vítimas de violencia de xénero. Afirmou que “non é unha violencia máis”, senón unha violencia estrutural que se manifesta de distintas formas e en distintos ámbitos e “por ser muller” e apoiada por “mitos que a esvaecen e dilúen”.

O manifesto recalca a importancia da “coeducación” para construír un mundo libre de violencia, “porque a igualdade apréndese”. E, máis concretamente, sinala a necesidade da implicación “dunha sociedade educadora e inclusiva, unha sociedade educadora e inclusiva, aberta, universalizada e unida”. “A sociedade –leu Arias- debe reaccionar!. Na nosa sociedade a igualdade aínda non existe. Falta moito camiño por andar (...) Todas as persoas somos necesarias para sandar esa chaga que macula a nosa dignidade como seres humanos. Subverter a violencia machista esixe determinación e non ser cómplices dese asoballamento universal. Non podemos tolerar que nos invada o silencio nin retrocesos. É unha tarefa colectiva evitar que iso suceda”. “A violencia contra as mulleres é inxustificable –concluíu-, máis debemos tamén conseguir socialmente que sexa inimaxinable, inconcebible. Non podemos deternos ata que iso suceda. A mellor fórmula para erradicala é a loita diaria. Todos os días deben ser 25 de novembro para conseguir un mundo onde as mulleres e varóns sexamos iguais en dereitos e oportunidades”.   

Ligazóns de interese

Galerias de imaxes

videos

audios

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 5 resultados.