A Deputación celebra o pleno de organización do actual mandato

O Pleno aprobou o seu réxime de sesións, a composición das comisións informativas, o nomeamento de representantes en órganos colexiados, o persoal eventual e as dotacións económicas e dedicacións do grupo de goberno

04/08/2023

Pleno de organización

 

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, presidiu este venres o Pleno de organización do actual mandato, onde se abordaron cuestións como o réxime de sesións do Pleno, a composición das comisións informativas, o nomeamento dos representantes en órganos colexiados, o persoal eventual e mais as dotacións económicas e dedicacións do grupo de goberno.

Respecto ao primeiro asunto, o réxime de sesións ordinarias do pleno quedou fixado para o último venres de cada mes ás 12:00 horas, como viña xa sucedendo nos anteriores mandatos. No caso das comisións informativas, que serán un total de dez e se celebrarán en réxime ordinario os venres anteriores a cada Pleno, estarán compostas por 9 deputados do grupo provincial do Partido Popular, 6 do grupo do Partido Socialista e outros 2 do BNG.

As comisións serán as seguintes: Transparencia, Réxime Interior e Facenda; Cooperación Local, Transfronteiriza e de Coordinación das Emerxencias; Turismo, Acción Comunitaria, Impulso ao Rural e Medio Ambiente; Igualdade, Políticas Sociais, Familia e Reto Demográfico; Proxectos Europeos, Modernización Tecnolóxica e Administrativa e Axenda Dixital; Cultura, Educación e Patrimonio Histórico, Documental e Lingüístico; Deportes, Xuventude e Vida Saudable; Infraestruturas, Equipamentos Públicos e Mobilidade; Promoción Económica e Impulso e Formación para o Emprego; e mais a Comisión Especial de Contas.

No apartado de dotacións económicas e dedicacións do equipo de goberno, o grupo do Partido Popular contará con tres dedicacións exclusivas correspondentes ao presidente e dous deputados. Ademais, haberá tres dedicacións parciais ao 85, ao 79 e ao 50%, respectivamente.

Galerias de imaxes

videos