Luis López lamenta que o novo goberno da Deputación herda unha situación “preocupante” nas contas

A avaliación interna das contas provinciais realizadas saca á luz a “xestión descontrolada dos cartos de todos os pontevedreses” do anterior goberno

01/09/2023

Rolda de prensa

O presidente, Luis López, adiantou os resultados da avaliación interna das contas da Deputación de Pontevedra que sacan á luz a “xestión descontrolada dos cartos de todos os pontevedreses” realizada neste último ano polo anterior goberno e a  situación “preocupante” das arcas públicas da institución provincial.  “En ano electoral o gasto acometido ou comprometido polo anterior goberno foi superior ao habitual”, detallou o presidente quen tamén confirmou que “malia esta situación, faremos todo canto estea nas nosas mans para sortear estes atrancos e atender as necesidades da provincia”.  

Coa auditoría de contas, explicou o presidente, “queriamos dar a coñecer, con transparencia, o estado real das contas e das partidas orzamentarias da institución provincial nun ano marcado pola convocatoria das eleccións municipais”, así como “saber de que marxe orzamentaria dispoñemos para atender as necesidades da provincia de aquí ata que entren en vigor os novos orzamentos”. Neste eido, López adiantou que o seu equipo está a preparar xa os orzamentos da Deputación de cara ao exercicio 2024 para “contar cun escenario financeiro máis estable”.

En liñas xerais, tal e como explicou o presidente, a 30 de agosto, a Deputación conta con só o 6,5 % das partidas reservadas para apoiar os investimentos noutros concellos, así como asociacións e terceiros, que, a estas alturas, en 2021, era case do dobre. En canto a partidas consignadas a investimentos da propia Deputación queda en caixa un 33 % do orzamento, 11 puntos menos que hai dous anos. Ademais, o goberno de López dispón dun 9,75 % dos fondos de gasto corrente para transferirlles aos concellos e ás entidades, 3,4 puntos menos que a estas alturas o pasado ano, e dun 17,5 % das partidas de gasto corrente reservadas para financiar o funcionamento da propia Deputación.

En canto a partidas e servizos concretos, o presidente afirmou que “unha vez abertos os caixóns, encontrámonos tamén cun escenario preocupante ”. Así, detallou que está comprometido todo o crédito en Cooperación destinado a subvencións correntes e investimentos, ao igual que en Cultura (dos fondos destinados a subvencionar actividades, soamente quedan 96.000 euros de 1,8 millóns), Deportes (queda dispoñible o 4,99 % do orzamento para axudas a clubs, asociacións e actividades deportivas: 258.000 euros de 5,1 millóns) ou en Turismo, onde soamente quedan dispoñibles 80.000 euros para actividades de promoción turística (o 5,4 % dos fondos). En Cohesión Social a porcentaxe do orzamento dispoñible para subvencións de gastos correntes é do 5,71 % e en Infraestruturas do 4,8 % (de 10,2 millóns de euros soamente quedan 493.000).  Pola súa banda, para o gasto e a promoción cultural do castelo de Soutomaior apenas quedan 88.000 euros (o 14,1 %).
 

audios