A Deputación financiará a mellora da estrada da vía en Mos ao abeiro do Plan Concellos

O Goberno aprobou a achega de 354.928€ para sufragar esta actuación, nos 3,4 quilómetros da estrada que pasa polas parroquias de Tameiga, Dornelas e Torroso

25/03/2022

A Deputación de Pontevedra financiará a mellora da seguridade viaria da Estrada da Vía, no concello de Mos, cunha importante achega de 354.928€  do Plan Concellos 2022-2023 que vén de ser aprobada hoxe na Xunta de Goberno. Esta ambiciosa actuación desenvolverase na totalidade deste viario de comunicación principal que pasa polas parroquias de Tameiga, Dornelas e Torroso, cunha lonxitude de 3,4 quilómetros e que na actualidade presenta un firme deteriorado.

A estrada  soporta un alto nivel de tráfico e presenta un firme moi fisurado, así como anchos variables que van desde os 9,60 metros ata os 4,80 na súa parte máis estreita. Con esta obra preténdese dotar ao viario dun ancho homoxéneo dun mínimo de 3,5 metros por carril. A actuación principal consistirá na mellora do firme, amais da limpeza e reconstrución de cunetas existentes, así como a ampliación nun tramo de 65 metros de lonxitude do ancho do viario, para acadar nesta zona os citados carrís de 3,5 metros, e os traballos de sinalización.