A Deputación súmase este sábado á “Hora do planeta” apagando a luz dos seus edificios

A institución amosa o seu compromiso coa natureza e contra o cambio climático co apoio a esta iniciativa de WWF #MóvetePoloPlaneta e #HoraDoPlaneta

25/03/2022

Hora do planeta

A Deputación de Pontevedra sumarase este sábado 26 de marzo, entre as 20:30 e 21:30 horas, á “Hora do Planeta”, unha acción que naceu fai quince anos promovida pola organización WWF en prol da defensa da natureza e do medio ambiente. Deste xeito, o Goberno provincial apagará as luces do Pazo, do Edificio Administrativo, da sede de Turismo Rías Baixas e da sede de Vigo, uníndose á iniciativa de WWF que neste 2022 leva os lemas #MóvetePoloPlaneta e #HoraDoPlaneta e pola que milleiros de cidades, institucións e persoas do mundo amosarán o apoio global á acción conxunta contra o cambio climático.

A Deputación ten un firme compromiso co medio ambiente, impulsando e liderando numerosas iniciativas para deter e reverter a perda da natureza. Con esta acción simbólica, de apagado do alumeado dos seus edificios sumándose á proposta de WWF, a institución provincial pretende facer reflexionar á cidadanía sobre o dano que estamos a provocar á natureza e como pequenos xestos poden contribuír a palialos e a construír, así, un planeta Terra con garantías de futuro.

Xunto a este apagado de luces dunha hora, que conectará a milleiros de cidades, entidades, fogares e empresas de todo o mundo mobilizadas pola natureza, WWF propón tamén que as persoas camiñen, corran, anden, ou empreguen a bicicleta ou patíns para sumar, de maneira virtual, os 40.000 quilómetros que conforman o perímetro da Terra. Deste xeito, estarase “abrazando” ao planeta e simbolizando esa vontade de coidalo para garantir un espazo saudable e con futuro para as persoas.