A transformación da área do río Bermaña en Caldas de Reis será unha realidade co Plan ReacPon da Deputación

A presidenta, Carmela Silva, e o alcalde Juan Manuel Rey, asinan o convenio para a actuación que transformará este espazo a través da rehabilitación paisaxística integral nunha contorna de máis de 3.000 metros cadrados

01/02/2022

“Grazas porque este convenio, xunto a outras xestións anteriores, compren un dos meus soños como alcalde, a meta da transformación urbana de Caldas”. Con estas palabras o rexedor de Caldas, Juan Manuel Rey, subliñou a importancia do apoio do Plan ReacPon da Deputación de Pontevedra que permitirá a este concello abordar a mellora integral da área do Río Bermaña. Rey asinou hoxe coa presidenta provincial, Carmela Silva, o convenio para a posta en marcha deste proxecto, cuxo orzamento total ascende a 579.793,58 €, dos que a Deputación financiará  492.824,54 € e o Concello 86.969,04€, e que permitirá a rehabilitación paisaxística deste espazo da localidade caldense, así como a mellora da accesibilidade e a seguridade viaria. O alcalde subliñou que “temos un agradecemento moi profundo porque en Caldas, mire cara onde mire, hai unha pedra posta a medias entre a Deputación e o Concello”.

A presidenta Carmela Silva dixo que “os concellos precisan recursos extraordinarios para cumprir soños” e esta é unha das finalidades do Plan ReacPon, xunto á de favorecer políticas expansivas trala pandemia da Covid, como están a facer a Unión Europea, o Goberno central e o mundo local, “fronte a anterior crise na que todo foron recortes”. Lembrou que co Plan Concellos, así como os extraordinarios de Reequilibrio e DepoRemse “permitiron grandes transformacións” tamén neste municipio, “que é outro Caldas”, e que agora veranse potenciadas aínda máis con esta obra na contorna do Bermaña, que abranguerá unha superficie de 3.229 metros cadrados. Neste senso, apuntou que se xa é este un espazo emblemático da vila, coa obra prevista aínda será “un lugar de máis relevancia, primeiro para a veciñanza, e logo tamén para as e os miles de visitantes que pasan por Caldas como lugar central do Camiño Xacobeo”.

Carmela Silva cualificou tamén como “inigualable” a transformación que está a vivir Caldas, aproveitando as súas potencialidades como a “especial querenza por algo único neste concello, a auga, que forma parte da súa vida e dos seus valores económicos, medio ambientais e paisaxísticos”, así como a súa aposta pola cultura e a recuperación medioambiental. “Esta actuación que vai permitir integrar a natureza no solo urbano, engloba todos estes grandes valores” dixo a presidenta, para quen este proxecto é tamén unha mostra máis de que “o mundo local é a administración que mellor xestiona”. ”Só nos falta que Europa, o Goberno do Estado e a Xunta entendan que para facer as grandes transformacións que precisamos, o mundo local ten que ter máis recursos e capacidade de xestión, e estar máis integrado na toma de decisións –afirmou-. Coñecemos a realidade, transformámola e somos moi bos xestores a pesar da escaseza de recursos”.  

Pola súa banda, o alcalde Juan Manuel Rey destacou que con esta mellora da área do río Bermaña, xunto a outras proxectadas como a nova iluminación das pontes e outra iniciativa presentada ao Plan Ágora, “case daría por terminada a transformación urbana de Caldas”. “Certamente o pobo está cambiado e proba diso é que estamos a recoller premios con certa frecuencia”, sinalou. Neste senso, citou os concedidos polo Colexio de Arquitectos de Galicia pola restauración da carballeira, das fontes termais ou das obras no Camiño Portugués, sufragadas tamén con achegas da Deputación; os concedidos pola Fundación Juana de Vega, polas zonas verdes, “e xa estamos a traballar para volver a ter a Q de Calidade para o espazo da Carballeira e a contorna”. “Hai criterios obxectivos externos que nos están a dicir que imos polo bo camiño –dixo Rey-. Pero por moita vontade que teñamos, estas cousas fanse con cartos. E esa vontade política da Deputación de poñer á disposición dos concellos o financiamento suficiente é o que está a facer que poida cumprir o meu soño como alcalde”.

O proxecto

A actuación proxectada busca, coa reforma do viario e do espazo público, a rehabilitación paisaxística integral desta área do Río Bermaña, moi sensible polos seus valores naturais, así como a mellora da accesibilidade e da seguridade viaria. Tamén se crearán espazos de calidade ambiental, con vexetación autóctona e mobiliario urbano. Todo o ámbito terá plataforma única, dando prioridade á mobilidade peonil e ciclista.

En concreto, a zona de actuación abrangue a Rúa Río Bermaña; a praza Doutor Sesto Casal (na entrada posterior do Mercado); o tramo sur da Rúa Campo da Torre ata o borde do muro do Albergue de peregrinos, así como o tramo da beirarrúa norte da Rúa Juan Fuentes Echevarría e o paseo fluvial da marxe oeste da Rúa Porto do Río. Entre as actuacións hai que destacar, por exemplo, as previstas na praza Doutor Sesto Casal, onde a zona fronte ao mercado conformará unha gran praza pavimentada en lousa de granito pola que se permitirá unha circulación moi restrinxida e velocidade limitada a 10 km/h. Plantarase vexetación autóctona e ao tramo máis exterior do muro existente daráselle un tratamento de xardín vertical. Doutra banda, a  zona da ponte e a súa área máis inmediata serán un espazo de contemplación, que permite tráfico moi restrinxido na banda central, limitada por mobiliario e iluminación.

 

videos