A provincia acollerá o cumio das Deputacións do estado para falar das boas prácticas en políticas de igualdade

A presidenta Carmela Silva pechou hoxe os detalles do encontro do día 27 no pleno da Comisión de Deputacións, Cabidos e Consellos Insulares da FEMP reunido en Cáceres

03/10/2022

Reunión en Cáceres  

O próximo 27 de outubro, a provincia de Pontevedra será o escenario do cumio das Deputacións de todo o Estado para analizar as políticas de igualdade que están a desenvolver as institucións provinciais. A presidenta Carmela Silva pechou hoxe na reunión en Cáceres do Pleno de Deputacións, Cabidos e Consellos Insulares da Federación Española de Municipios e Provincias os detalles do encontro en Galicia no que a Deputación de Pontevedra será anfitrioa como referencia e abandeirada en políticas de igualdade.

No cumio, ao que asistirán presidentas, vicepresidentas e deputadas de Igualdade de toda España, poranse en común as boas prácticas que se están a realizar en diferentes puntos del territorio en relación coa Axenda da Paridade, co obxectivo de establecer sinerxías e traballo conxunto para que estas accións se poidan exportar a outros puntos do Estado onde aínda non se están aplicando. Carmela Silva mostrou a súa satisfacción porque sexa a provincia a que acolla este encontro "porque falamos dun territorio onde as políticas para reivindicar á metade do mundo son prioritarias. Queremos poñer en común as nosas experiencias -dixo a presidenta provincial- e consideramos que é o momento de dar un paso máis. É a hora de que o mundo local faga oír a súa voz cando somos as institucións que máis e mellor estamos pelexando pola causa máis xusta que é a paridade".

O formato da xornada será de mesas redondas nas que se analizarán as experiencias en diferentes puntos do territorio para implantar a axenda da igualdade. De feito, cara a este encontro estatal, a Deputación dispón xa dos resultados dun traballo previo de recompilación das medidas e actuacións adoptadas polo resto das institucións provinciais do Estado que se exporán por parte das participantes na xornada.

A Deputación formará parte da Rede Nacional de Ciberseguridade

Na sesión, tamén se falou do reto da Ciberseguridade e dos estudos que está a facer o Estado para a creación dun SOC, Centro de Operacións para a Seguridade. Trátase dunha rede de seguridade nacional que incluirá ás Deputacións e aos concellos das súas áreas de influencia. De feito, a Deputación de Pontevedra inicia xa o procedemento cunha reunión inmediata co Centro de Criptoloxía para definir os pasos a seguir e tomar decisións para que a institución e os concellos de menos de 50.000 habitantes poidan formar parte da Rede, que contará con fondos europeos polo que a Deputación presentará o seu proxecto.

No pleno tamén houbo boas e importantes novas para o mundo local respecto aos fondos estruturais 21-27. A secretaria xeral de Fondos Europeos, Mercedes Caballero, confirmou na reunión que España está a defender que as Deputacións poidan xogar un papel relevante á hora de xestionar fondos sobre todo en concellos de menos de 20.000 habitantes. A presidenta Carmela Silva aplaudiu esta nova posición do Goberno central, "esta aposta polo mundo local ao contrario do sucedido cos anteriores fondos onde, por exemplo, as institucións provinciais non tiñan a capacidade de participar nos EDUSI".

Galerias de imaxes