A provincia de Pontevedra acollerá en outubro o primeiro encontro anual de políticas públicas de igualdade das deputacións de todo o estado

A Subcomisión da FEMP, na que hoxe participou Carmela Silva, aproba a proposta da Deputación de Pontevedra para converter esta xornada nunha cita regular que se celebrará cada ano

13/07/2022

Subcomisión FEMP

A Deputación de Pontevedra organizará o Primeiro Encontro Anual de Políticas Públicas pola Igualdade Efectiva das Deputacións, Cabidos e Consellos Insulares do Estado, tal e como se aprobou hoxe en Madrid na reunión da Comisión da FEMP, que tamén deu luz verde á proposta da presidenta Carmela Silva para que este Encontro teña carácter regular, polo que se celebrará cada ano en diferentes cidades.

O primeiro Encontro celebrarase na provincia o 27 de outubro, xornada na que se presentará un informe coas políticas públicas das Deputacións de España. Contará, amais, coa celebración de diferentes mesas de análise das accións que están a desenvolver as institucións provinciais para o cumprimento do ODS 5 da Axenda 2030, e elaborarase un Manifesto conxunto en favor da igualdade e o obxectivo da axenda da paridade.

Na reunión de hoxe en Madrid, Deputacións, Cabidos e Consellos Insulares tamén avanzaron na reclamación para que no novo marco comunitario se contemple financiamento para o mundo local cara ás actuacións de mobilidade amable, sostible e segura que se fan nas vías provinciais, reclamación que se fará efectiva no próximo encontro da Subcomisión que se celebrará en Cáceres o 3 de outubro.

A reclamación está baseada na evidencia dos datos, xa que as institucións provinciais xestionan e actúan na maioría de infraestruturas en España, 67.000 quilómetros de viarios,  como é tamén o caso da Deputación de Pontevedra cunha rede  de 1.700 quilómetros e, polo tanto, é urxente que se habiliten recursos. De feito, a rede de estradas autonómicas no Estado é de 71.205 quilómetros, case a mesma porcentaxe que as Deputacións que non dispoñen do mesmo financiamento.

Galerias de imaxes

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 9 resultados.