Teatro e un certame artístico no Centro Príncipe Felipe co gallo do Día das Letras Galegas

Migallas Teatro ofrecerá a función “Brincadeiras da lingua” para as crianzas de ata 9 anos e Culturactiva representará “Rosalía”, para rapazas e rapaces a partir de 10 anos

09/05/2023

A programación co gallo das Letras Galegas da Deputación de Pontevedra tamén chegará a vindeira semana ao Centro Príncipe Felipe, onde as e os menores desfrutarán de actuacións teatrais lúdicas e didácticas especificamente deseñadas en función da súa idade. Amais, a institución provincial vén de convocar a quinta edición do certame artístico Príncipe das Letras e das Artes 2023, un concurso de debuxo para elaborar o cartel das Letras Galegas dirixido ás e aos menores dos distintos centros para fomentar a súa creatividade e promocionar as súas habilidades artísticas.

As actividades comezarán o martes 16 de maio coa función que ofrecerá Migallas Teatro, baixo o título “Brincadeiras da lingua” e que está dirixida ás nenas e aos nenos de ata 9 anos de Príncipe Felipe. Trátase dun espectáculo de narración oral e canción infantil, que ten como obxectivo dar a coñecer a enorme riqueza e variedade de ditos e recitados da literatura popular infantil de Galicia e fomentar a súa práctica entre a cativada. Mediante xogos verbais participativos, cancións, contos, monicreques e outros recursos, o grupo pontevedrés ofrece unha escolma dos ditos recollidos nunha serie de vídeos. Rematada a función, as nenas e os nenos desfrutarán dunha merenda-baile.

Para a rapazada de máis de 10 anos de Príncipe Felipe, Culturactiva Producións ofrecerá o xoves 18 de maio a obra teatral “Rosalía”. Dirixida por Fina Calleja e protagonizada por Rocío González y Cristina Collazo, a peza é un acercamento á vida e obra da escritora coa mirada da Rosalía nena, que está a punto de irse a Santiago e quere contarlles ás rapazas e rapaces que a infancia é o lugar onde crecen as poetas: entre a rebeldía, as lecturas, a curiosidade, o xogo e as cancións. Na montaxe, o público descubrirá a unha nena alegre, forte e curiosa coma elas e eles, que vive, xoga e goza do país da infancia.

Ao remate da representación de “Rosalía”, terá lugar a entrega de premios do “Príncipe das Letras e das Artes 2023” aberto aos nenos e nenas dos tres centros de Príncipe Felipe: Centro Infantil, Centro Escola Fogar e Centro Agarimo. Trátase da quinta edición deste certame artístico que invita á rapazada a elaborar un cartel das Letras Galegas. Todas as unidades de convivencia que participen recibirán un bono de 80€ para material, mentres que a unidade gañadora recibirá un diploma acreditativo. Trala entrega de premios, as nenas e nenos e rapazas e rapaces desfrutarán dunha merenda.

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 6 resultados.