A Deputación destina 60.000 euros á reforma da cuberta dos vestiarios do campo de fútbol do Centro Príncipe Felipe

A Deputación de Pontevedra vén de aprobar o expediente para adxudicar as obras de reforma da cuberta dos vestiarios do campo de fútbol do Centro Príncipe Felipe por importe de 60.685 euros.

13/06/2023

A través desta actuación renovaranse os módulos que existen na actualidade que, ao ser colectores prefabricados instalados hai preto dunha década, presentan perforacións en diferentes puntos, o que fai que, nos días de choiva, exista risco de filtracións de auga no interior.

Cos recursos que veñen de ser aprobados levarase a cabo unha remodelación do conxunto dos vestiarios, que constan dun soportal e vestíbulo que serve de acceso a unha serie de módulos prefabricados. Co fin de solucionar a entrada de auga, óptase por impermeabilizar a cuberta cunha solución tipo Deck con láminas impermeables de PVC soldadas sobre illamentos de diferentes espesores. Ademais, as augas recolleranse en caleiros pregados de aceiro e baixantes exteriores.

Por outra banda, na soleira que existe xa na actualidade proxéctase unha calexa corrida de saneamento á que se verterán as augas da cuberta e se conectará á rede de saneamento do campo. Unha vez adxudicado o proxecto, o prazo de execución da obra será de tres meses.

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 4 resultados.