Deputación e Concello de Tui rematan a esperada actuación na EP3001 en Rebordáns para garantir a seguridade peonil e viaria

Carmela Silva: “Hai obras imprescindibles que transforman o espazo e esta actuación o era para garantir a seguridade das persoas e que a xente teña maior calidade de vida”

15/06/2022

Obras Tui

“Ás veces, só lle damos valor ás grandísimas obras, pero hai obras imprescindibles que transforman o espazo”, destacou hoxe a presidenta Carmela Silva ao referirse á mellora da seguridade viaria e a mobilidade peonil que veñen de rematar a Deputación e o Concello nun tramo da EP3001 ao seu paso pola zona de Rebordáns, e que hoxe visitou xunto ao alcalde, Enrique Cabaleiro, e representantes da corporación. A actuación dá resposta a unha vella reivindicación da veciñanza e da corporación que preside Cabaleiro para garantir a visibilidade e a seguridade neste treito, onde se ten creado unha senda peonil e ampliado o radio da curva existente, cun investimento de 138.499€.

Carmela Silva subliñou que o viario “quedou extraordinariamente ben” e que a obra foi unha petición do alcalde, “que nos indicou que nesta zona era imprescindible traballar para garantir a seguridade, e certamente o cambio é moi importante”. Destacou a este respecto a colaboración co Concello para afrontar esta actuación, que foi financiada cun convenio no que a Deputación asumiu o 80% e a administración municipal o 20% restante. “Celebro que sexamos capaces, ao igual que co resto dos concellos, de traballar conxuntamente para mellorar as vías provinciais e acadar que a xente teña maior calidade de vida –apuntou-. Seguiremos traballando para mellorar Tui e a vida da xente de Tui”.

Neste senso, anunciou que nos vindeiros días se dará a coñecer outra importante actuación no concello baixo o modelo de mobilidade segura da Deputación, na estrada provincial que pasa por Ribadelouro: “Temos 1.700 quilómetros de vías provinciais nas que hai que facer unha gran revolución” non só no eido da mobilidade, senón tamén coa dotación de servizos “do século XXI, que reduzan costes e contaminación e dean resposta ás demandas da sociedade”.

Pola súa banda, o alcalde Enrique Cabaleiro, lembrou que esta inauguración “supón a superación dunha situación anacrónica desde hai bastantes anos nesta zona urbana, xa que esta estrada representaba amais certo perigo para a seguridade viaria e peonil e tiñamos que arranxala”. Agradeceu a colaboración da Deputación, “que atendeu esta petición de forma dilixente e a obra quedou moi ben”, así como o apoio de toda a corporación ao cofinanciamento da obra. Tamén destacou o apoio da institución provincial á outra actuación prioritaria, a humanización prevista en Ribadelouro, e anunciou que o Concello seguirá nesa liña “na aposta que ten este goberno para por en valor as infraestruturas do ámbito rural”. Anunciou así mesmo que solicitará novos proxectos para as parroquias do rural para “ir cumprindo aquelas premisas que nos formulamos ao principio do mandato”.  “Esta corporación está cumprindo os seus compromisos  -apuntou- e imos seguir traballando neste senso” e concluíu agradecendo a Carmela Silva “o compromiso de ir transformando toda a provincia”.

A actuación

A mellora da EP3001 desenvolveuse nun tramo de 155 metros, entre o pq 1+290 e o pq 1+445 e tiña como obxectivo dotar a estrada dunha zona de tránsito seguro e boa visibilidade. Para a mellora da mobilidade das persoas en condicións de seguridade construíuse unha senda peonil de 2,5 metros de ancho pola marxe esquerda, mentres que pola dereita, a estrada leva unha cuneta transitable. E, para mellorar as condicións de seguridade do tráfico, aumentouse o radio da curva existente, habilitáronse dous pasos sobreelevados na calzada e pavimentouse o treito con novo firme, amais da execución da sinalización. Tamén se melloraron servizos como a rede de pluviais, de alumeado e telecomunicacións.

Galerias de imaxes

videos

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 4 resultados.