Areeiro advirte da necesidade de continuar en alerta ante a aparición de síntomas de mildio pola inestabilidade meteorolóxica

O Centro Fitopatolóxico da Deputación lembra que, no caso de ter que renovar o tratamento, debe facerse en momentos sen vento ou con pouco movemento

05/05/2023

A Estación Fitopatolóxica Areeiro da Deputación vén de lanzar un novo aviso fitosanitario no que mantén as súas recomendacións para a vixilancia das viñas ante as condicións climatolóxicas previstas a curto prazo, cun tempo inestable e temperaturas nocturnas elevadas, pola potencial aparición de novos síntomas de mildio. En concreto, recomenda continuar en alerta especialmente naquelas viñas nas que estea próximo a concluír o período de protección do tratamento e renovar as intervencións, malia que o risco de novas infeccións diminuirá a medio prazo se se confirma unha maior estabilidade. Areeiro tamén aconsella retirar os gromos rotos polo vento nas viñas, ao fin de evitar que se instalen fungos por mor da humidade.

Segundo sinala o aviso fitosanitario, as temperaturas nocturnas bastantes altas e a humidade provocaron a aparición de manchas novas nas plantas sen tratamento en todas as comarcas, así como nas vides de variedades pouco sensibles. Ademais, o persoal do centro recibiu avisos de predios con infeccións non controladas, e incluso síntomas en acios e pampos. Pola contra, naquelas viñas protexidas con funxicidas non se observa, en xeral, unha frutificación viable nin zonas de avance. Algo que concorda cos datos recollidos ao abeiro do programa europeo Plasmowine, o sistema de apoio á toma de decisión para determinar o momento óptimo para aplicar tratamentos contra o mildio, que indican que a concentración diaria de esporas segue a ser baixa, se ben os desta semana rexistraron os valores máis elevados de toda a campaña.

No relativo ao pexegueiro, están a aparecer os primeiros síntomas de lepra, polo que resulta conveniente aplicar un tratamento fronte á enfermidade. Ademais, as condicións meteorolóxicas destas semanas favorecen aos patóxenos habituais das hortícolas en xeral, polo que, unha vez que finalicen as precipitacións, é preciso intervir. O aviso fitosanitario de Areeiro tamén fai mención ás maceiras, nas que debido á climatoloxía cálida e húmida actual, é recomendable aplicar produtos contra o moteado. Ademais, xa se rexistraron as primeiras colonias de pulgón cincento nas maceiras de Areeiro, polo que se recomenda iniciar a vixilancia. Por último, no que respecta ao buxo, se ven a semana pasada non se atoparon eirugas nas sebes baixo vixilancia, esta semana apareceu xa algunha ben desenvolvida.

Galerias de imaxes

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 14 resultados.