As monxas de Santa Clara ‘xogaban’ á Inquisición dentro do convento para manter a disciplina

A chamada monxa-fraile Sor María de San Antonio replicou os autos de fe do Tribunal do Santo Oficio para que as clarisas acudisen ás horas do coro ou durmisen e falasen menos

05/12/2022

Santa Clara

As monxas de Santa Clara facían teatros replicando os autos de fe da Inquisición para manter a disciplina no convento. Así o revelou hoxe o historiador Suso Vila, responsable do baleirado documental sobre as clarisas no estudo histórico artístico encargado polo Museo e a Deputación de Pontevedra, na súa charla titulada ‘Os papeis de Santa Clara’, na que fixo un percorrido cronolóxico dende a fundación do convento ata os nosos días.

Vila explicou a dificultade para conseguir información sobre Santa Clara posto que moita desapareceu e a existente está moi dispersa. Subliñou que na súa maior parte os fondos do Museo de Pontevedra permitiron realizar o seu informe, xunto aos do Arquivo do Reino de Galiza e tamén algúns outros do Arquivo Histórico Nacional.

O experto salientou a importancia feminina en todos os aspectos do convento: foi fundado grazas á doazón de Dona Maior Pérez de 1310, con Leonor Rodríguez como primeira abadesa. Xurdiron despois, explicou, abadesas moi fortes nos séculos medievais (ata o século XVI) como Leonor de Montenegro, dunha familia importante da cidade emparentada cos Mariño de Lobeira, e Leonor de Meira.

É pouco despois dese período -explicou Vila- cando chega ao convento unha figura moi singular e moi coñecida no seu tempo, a chamada monxa fraile, Sor María de San Antonio, María de Gálvez, coñecida por entrar a formar parte dun convento masculino co nome de ‘Juanito’ ocultando a súa aparencia de muller. Cando se descubriu a súa realidade, foi trasladada a Santa Clara, onde destacou sempre pola súa devoción.

As súas historias foron recollidas e escritas por diversos frailes franciscanos e chegaron ata os nosos días documentadas, entre outros, por Castro Sampedro. A importancia da monxa fraile foi tal que se buscou a súa canonización, xa que se lle atribuían milagres incluso despois de morta, mais nunca chegou a producirse.

Unha das historias que o historiador Suso Vila contou foi que dela partiron algúns cambios na vida de Santa Clara. En 1607 a abadesa Catalina de Caamaño formaría unhas ordenanzas a suxestión de sor María para acudir obrigatoriamente ao coro, impoñendo sancións, pero o máis interesante era a forma de levar a cabo estes castigos, xa que se quería facer un pequeno teatriño ou xogo a xeito de Tribunal do Santo Oficio (Inquisición), para reprender ás que non asistían.

Neses autos de fe simulados repartíanse oficios: alguacil, alcadesa, depositaria de multas, outra tocando o tamborciño do coro, outra o arco cego, unha a frauta, outra o pandeiro ou os axóuxeres. As monxas que se ‘desviaban’, con todo este acompañamento, eran paseadas polos corredores para impoñer exemplo. Desta forma aparentemente festeira, por teatral, instaurábase a disciplina no convento cando as monxas ficaban no locutorio falando coas visitas e non acudían prestas ás obrigas, ou ben falaban moito ou durmían de máis.

Vila fixo referencia tamén á rebelión das monxas no 1710 contra os franciscanos pola tensión, acoso e abuso ao que estaban sometidas, episodio xa relatado publicamente nas últimas semanas. Subliñou o proceso peculiar posto que non era normal que 18 das 23 clarisas en clausura escapasen do convento para protestar pola súa situación.

Finalmente, o experto fixo un salto cara o século XIX, no momento da exclaustración, cando habendo só sete monxas no convento, se puxo en marcha un complemento á clausura que fixo que as clarisas tivesen medios económicos para subsistir: a creación do colexio -onde agora están as misións pontificias- polo que as monxas recibían unha subvención e no que daban clase a nenas pobres, chegando a ter ata 70 alumnas de toda a cidade. “Elas eran útiles e o colexio era garantía de subsistencia”, afirmou Vila.

Finalmente, o historiador tamén falou da evolución no convento no século XX, dando conta da austeridade e os problemas de acceso a recursos pola perda de bens (na amortización), e a necesidade de acceso a máis axudas. Deste feito, subliñou, dan boa testemuña as caixas de leite atopadas no convento procedentes do Plan Marshall.

A seguinte charla sobre Santa Clara será a vindeira semana, o martes 13 de decembro, baixo o título ‘Conferencia de (case) clausura’ a cargo do doutor Xurxo Ayán. Ao día seguinte, o mércores 14, será a quenda das ‘Plantas no pasado e no presente do convento de Santa Clara’, a cargo das doutoras María Martín e Carmen Salinero.

Galerias de imaxes

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 13 resultados.