Areeiro alerta da necesidade de aplicar un tratamento insecticida contra o cicadelido vector da flavescencia dourada, unha enfermidade moi grave da viña

O centro dependente da institución provincial acaba de recoller a primeira bolboreta do buxo adulto e advirte da súa rápida expansión se non se controla

07/07/2023

A Estación Fitopatolóxica Areeiro, centro dependente da Deputación, advirte das primeiras recollidas de adultos de Scaphoideus titanus, o cicadelido vector da flavescencia dourada, unha enfermidade moi grave da viña cuxo control é obrigatorio nos territorios da Unión Europea. O centro dependente da institución provincial acaba de recoller tamén a primeira bolboreta do buxo adulto e advirte da súa rápida expansión se non se controla. Tamén aconsella manter a vixilancia das viñas ante o período sensible ao oídio e as previsións meteorolóxicas favorables á propagación do mildio.

Nas trampas tanto da zona do Rosal como na comarca do Condado teñen aparecido os primeiros exemlares adultos do cicadelido da flavescencia dourada. Amais das medidas de tipo lexislativo, a nivel dos viñedos cómpre eliminar o insecto, aplicando nestes momentos un insecticida con produtos autorizados para facer fronte a esta grave enfermidade.

No que respecta á viña, Areeiro advirte da necesidade de manter a vixilancia xa que se atopa nun período sensible ao oídio e as previsións meteorolóxicas para os vindeiros días, con temperaturas e humidade elevada, son favorables á propagación do mildio. E, aínda que non se teñen observado síntomas de black rot, o centro da Deputación recomenda renovar tratamentos fronte ao mildio, oídio e black rot.

En canto ao buxo, esta semana recolleuse o primeiro adulto de Cydalima perspectalis ou bolboreta do buxo nas trampas da rede de Areeiro. A recomendación é a de vixiar as plantas e aplicar o tratamento tan pronto como se manifeste a sintomatoloxía da enfermidade, xa que as defoliacións que causan son moi rápidas se non se controlan. Amais, tense detectado un incremento de plantas con síntomas de enfermidades de madeira, afectadas con golpes de sol debido a unha esfolla excesiva e advirte de que comeza a ser máis notoria a erinose de verán.