Areeiro aconsella continuar coa vixilancia e o tratamento para frear o mildio ante as previsións meteorolóxicas

A situación das viñas trala revisión efectuada polo persoal do centro dependente da Deputación mellorou con respecto á semana anterior pero recomenda renovar a protección e manter controlado o desenvolvemento da vexetación

09/06/2023

Acios chegando a tamaño chicharo

A Estación Fitopatolóxica Areeiro, centro dependente da Deputación de Pontevedra, vén de lanzar un novo aviso fitosanitario no que alerta da necesidade de continuar coa vixilancia e o tratamento para frear o avance do mildio ante as previsións meteorolóxicas.  Se ben a situación das viñas esta semana, trala revisión efectuada polo persoal do centro dependente da Deputación, mellorou con respecto á pasada, a EFA recomenda renovar a protección e manter controlado o desenvolvemento da vexetación da propia viña e das plantas acompañantes.

A combinación de rexistros climatolóxicos destes días provocou que o número de esporanxios recollidos diariamente no captador das plantes testemuña de Areeiro seguise a ser moi elevado, aínda que inferior aos rexistros da semana pasada. Deste xeito cómpre manter un elevado nivel de vixilancia sobre as viñas, tendo en conta que o período de cobertura dos funxicidas redúcese no tempo con choivas intensas como as rexistradas, e renovar a protección naqueles casos nos que aparezan síntomas novos ou estea próximo a concluír o tempo de actuación do produto.

No que respecta aos demais fungos e enfermidades que afectan á viña, non se detectaron avances en canto ao oídio, black rot, botrite ou avelaíña da uva. De feito as precipitacións fortes non lle resultan favorables ao oídio, ao lavar as esporas do patóxeno, pero se se cumpren as previsións e cesan as choivas haberá que incrementar a vixilancia pois a humidade relativa do aire seguirá a ser elevada. En canto ao black rot, aínda que non se detectaron novos síntomas de enfermidade, a climatoloxía húmida e as temperaturas elevadas si son favorables polo que, de renovar a protección fronte a mildio e/ou oídio, cómpre elixir produtos autorizados tamén para o control deste fungo.

No que respecta á botrite, de reducirse as precipitacións a partir da próxima semana, aínda manténdose a humidade relativa alta, será menos probable a aparición de síntomas, sobre todo se se realizan as labores agronómicas aconselladas de control do desenvolvemento das vides e da vexetación.

Galerias de imaxes

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 15 resultados.