“Bosques Terapéuticos” arranca coa estrea da ruta ao redor do Lago de Castiñeiras

Os e as participantes desfrutaron dos baños de bosque cun percorrido por este espazo entre Marín e Vilaboa, un dos parques forestais máis antigos de Galicia   

15/04/2023

Bosques Terapeúticos

“Desconectar móbiles. Observar a luz solar que penetra entre as follas das árbores. Percibir os sons e aromas que nos rodean. Camiñar devagar en silencio. Deixarnos levar, respirar profundamente, desfrutar do momento. E sentirse parte da experiencia”. Estas son as pautas a seguir en cada ruta dos “Bosques Terapéuticos” e hoxe volveron escoitarse e sentise no arranque da nova edición deste programa que tivo lugar coa estrea do percorrido polo Lago de Castiñeiras, un dos parques forestais máis antigos de Galicia, do que desfrutaron as persoas participantes xunto á deputada Noemí Outeda

Nesta primeira sesión das 38 con que contarán este ano os “Bosques Terapéuticos”, os guías Sergio Portela e Siegrun Bischof conduciron ás persoas participantes nun percorrido ao redor do lago, no que houbo paradas ante as especies arbóreas máis singulares do recinto, como o paseo de tuias existente ou un dos cedros con que conta a contorna. A masa forestal que rodea a lagoa, situada entre os termos municipais de Vilaboa e Marín e que conta con castiñeiros, bidueiros, exemplares de carballo americano e outras especies exóticas, foi creada a partir dos anos 50 do pasado século polo enxeñeiro Rafael Areses, pero probablemente ten a súa orixe nas primeiras plantacións do plan de reforestación da provincia de Pontevedra elaborado pola Deputación e iniciadas no ano 1927. “Con esta ruta tamén poñemos en valor este enclave situado fóra da costa, no alto dunha montaña, e que ten gran interese como espazo rural, agreste e de montaña”, explicou Portela. Trátase dunha ruta totalmente accesible para persoas con mobilidade reducida.

Despois desta estrea, mañá domingo terá lugar a segunda das rutas, tamén por un novo itinerario, a Carballeira de San Xusto, no municipio de Cerdedo-Cotobade, para a que ao igual que as restantes que quedan para este mes de abril as prazas están xa esgotadas. Porén, as persoas interesadas poderán anotarse a partir do luns 17 para as oito rutas previstas no mes de maio, a través do formulario que atoparán a partir das 9 horas na web da Deputación (www.depo.gal). Os percorridos de maio celebraranse os sábados e domingos e serán o día 6 na Fervenza da Toxa; os días 7 e 13 no Lago de Castiñeiras; o 14 na carballeira de San Xusto; o día 20 na Illa de Tambo; o día 21 a Ruta da Pedra e da Auga; o 27 no Río Eifonso e o 28 pola contorna da Ponte Colgante do Lérez.

Son 15 prazas as ofertadas en cada sesión, tendo en conta as especiais condicións de tranquilidade e respecto á natureza que se necesitan para o desenvolvemento desta actividade. Por iso as visitas, destinadas a público xeral (os e as menores deberán ir acompañados) e cunha duración de entre hora e media e 2 horas, comezarán ás 10 horas para a procura de tranquilidade e conexión coa natureza. Ademais as persoas participantes deberán gardar as normas de silencio e de respecto ao grupo, á actividade e ao espazo, indicadas pola persoa guía.

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 14 resultados.